Xoves, 2 de maio, as 13.00 horas, na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo

RAGC e UVigo celebran un acto 'in memoriam' do profesor José Pazos Arias

José J. Pazos Arias (1964-2023).
O acto abrirao o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa. Participarán ademais o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan Lema; a directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, Rebeca Díaz; o director do Centro atlanTTic da UVigo, Martín Llamas; o académico da RAGC Pedro Merino; Martín López, catedrático do Departamento de Enxeñaría Telemática da UVigo; e Fernando Pérez, catedrático do Departamento de Teoría do Sinal e as Comunicacións da UVigo e académico da RAGC.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Universidade de Vigo celebran este xoves, 2 de maio, un acto “in memoriam” do profesor José J. Pazos Arias, falecido o pasado mes de decembro. Era académico numerario da RAGC e catedrático de Enxeñaría Telemática da UVigo. O evento terá lugar na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da institución viguesa, a partir das 13.00 horas.

O acto abrirao o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa. Participarán ademais o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan Lema; a directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, Rebeca Díaz; o director do Centro atlanTTic da UVigo, Martín Llamas; o académico da RAGC Pedro Merino; Martín López, catedrático do Departamento de Enxeñaría Telemática da UVigo; e Fernando Pérez, catedrático do Departamento de Teoría do Sinal e as Comunicacións da UVigo e académico da RAGC. Unha vez clausurado o acto, colocarase unha placa no exterior da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e plantarase un olivo en memoria do profesor homenaxeado, coa presenza da súa familia.  

José J. Pazos Arias (1964-2023)

Natural do concello pontevedrés de Baiona, José Pazos era enxeñeiro de telecomunicación pola Universidad Politécnica de Madrid e doutor enxeñeiro de Telecomunicación polo Departamento de Enxeñería de Sistemas Telemáticos da mesma universidade. Catedrático de Enxeñería Telemática da Universidade de Vigo, foi director e fundador do Grupo de Servizos para a Sociedade da Información da UVigo.

 

Centrou a súa actividade investigadora no desenvolvemento de tecnoloxías coas que facer un uso eficaz do crecente volume de información xerada e dispoñible en liña, en numerosos dominios de aplicación das TIC. Foi autor de máis de 200 artigos en revistas, conferencias e publicacións do eido internacional. Foi subdirector da Escola de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo e director do Departamento de Enxeñería Telemática da mesma universidade, ademais de director da Área de Novas Tecnoloxías.