‘Quintas do Camões’
O Salón Teatro de Santiago de Compostela acolle todos os xoves deste mes o ciclo de espectáculos en lingua portuguesa Quintas do Camões, organizado polo Centro Dramático Galego, unidade de produción teatral da Xunta, e a sede de Vigo do Centro Cultural Português do Camões. Haberá tres funcións que se desenvolverán os días 14, 21 e 28 de outubro ás 20,00 horas. As entradas están xa á venda en ataquilla.com e poderán adquirirse no despacho de billetes o mesmo día das funcións desde dúas horas antes.
O Centro Dramático de Viana/Teatro do Noroeste, de Viana do Castelo, abrirá mañá este novo programa coa obra sobre a manipulación informativa Rottweiler, do dramaturgo Guillermo Heras. A peza é interpretada por Alexandre Calçada e Tiago Fernandes, con dirección de Ricardo Simões.
A vindeira semana, o día 21, será a quenda de Odilia, de Teatro Viriato, de Viseu. Este espectáculo-lectura dramatizada, con texto e imaxes de Patrícia Portela e interpretado por Célia Fechas, conta a historia de Odilia, unha musa confusa que se presenta a unha entrevista de traballo para tarefas inspiradoras.
O peche porao na xornada do 28 Lendias d’encantar, de Beja, con No límite da dor, baseado no libro homónimo de Ana Aranha e Carlos Ademar. O espectáculo quere apelar ao non esquecemento do pasado e mostrarlles ás xeracións de hoxe a dor vivida polos presos políticos do Estado Novo, na defensa do seu ideal de xustiza e loita por un mundo e unha sociedade mellores. Está interpretado por António Revez con dirección de Julio César Ramirez.
O ciclo Quintas do Camões enmárcase no aposta do Centro Dramático Galego por estreitar a colaboración entre as artes escénicas de Galicia e Portugal, como vía para reforzar a identidade común. A iniciativa diríxese tanto ao alumnado que está a aprender portugués como ao público en xeral que estea interesado na lingua e na cultura lusas.
Esta liña de acción deu lugar tamén á coprodución da unidade teatral da Xunta coa Companhia de Teatro de Braga A contenda dos labradores de Caldelas ou Entremés famoso sobre a pesca do río Miño, conmemorativa do 350º aniversario do texto escrito por Gabriel Feixoo de Araúxo e estreada no Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro o pasado verán.