Primeiro documental en galego sobre videoxogos
A Coruña nos videoxogos, documental dirixido por Iago Gordillo, estréase o 20 de decembro ás 21h. na canle de YouTube de Recuncho Gamer. Este proxecto documental busca divulgar a presenza da cidade da Coruña nos videoxogos.
A través do xogo coruñés The Waylanders abordarase a representación da Torre de Hércules desde un punto de vista da cultura Celta e na Idade Media. Descubriremos a representatividade da arquitectura, urbanismo e infraestructuras da Coruña e arredores a través do City Skylines, o Euro Truck Simulator 2 ou o Microsoft Flight Simulator. Tamén terá espazo o Deportivo e o Estadio de Riazor. Máis dunha decena de xogos nos que aparece A Coruña teñen lugar neste documental con entrevistas ás propias desenvolvedoras como Laksmy Irigoyen de Gato Studio, o modelador Armesto3D e a historiadora Ana Romero Masiá.
O proxecto, apoiado polo concello de A Coruña dentro da liña de axudas a creación artística, intégrase dentro do ámbito da divulgación en galego sobre videoxogos que realiza a canle Recuncho Gamer dirixida por Iago Gordillo. Esta canle é a recente gañadora do Premio Pioneira nos Premios Youtubeiras 2021. Recuncho Gamer procura a divulgación do videoxogo como produto cultural a través de contido audiovisual feito para YouTube, emisións en directo en Twitch e un videopodcast. Trátase da canle de YouTube en galego con máis contido sobre videoxogos con varios contidos semanais e a máis vista. Tamén é unha das 10 canles máis vistas no Twitch en galego en 2021 cos seus directos e a canle de videoxogos con mellor media de espectadores e é a primeira en ter un sistema de subtitulaxe en directo en galego.
Iago Gordillo (Carral, 1986) é realizador audiovisual con experiencia no ámbito da radio, música e da creación audiovisual de contido dixital. Actualmente dirixe e coordina Recuncho Gamer, o primeiro portal audiovisual en galego sobre videoxogos, ademais de traballar en series web como Galicia Crime e Dinosaurio (gañadora e finalista nos Mestre Mateo) e tamén compuxo bandas sonoras para videoxogos premiados a través do proxecto Diariodeverano.