Prazo aberto para o Premio Arume de Poesía para a Infancia: 1.000 euros en xogo!
O 15 de novembro remata o prazo para a recepción de orixinais que concorran á terceira edición do Premio Arume de Poesía para a Infancia. Este galardón conta cunha dotación de 1.000 euros e será publicado por Edicións Embora. As obras candidatas, de temática libre e adecuadas para un público infantil e xuvenil, deberán ter unha extensión mínima de 350 versos e poderán consistir nun único poema ou en varios poemas.
A entrega do premio terá lugar o 13 de decembro de 2024. As bases completas poden consultarse na páxina web www.neiravilas.gal.
Na edición anterior, foi premiada a proposta de Pablo Nogueira Campo, "Versos (A)variados", mentres que en 2022 o galardón foi para a obra "Os versos da mariola", de Antón Cortizas.
O Premio Arume de Poesía para a Infancia súmase aos que xa convoca a entidade de Gres: o Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia e o Premio Xosé Neira Vilas de Literatura Xuvenil, cuxo prazo para a recepción de orixinais está aberto até o 3 de novembro, Día de Neira Vilas e Día da Lectura. O Arume de Poesía foi creado por Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda co obxectivo de apoiar a poesía infantil e tivo a súa primeira edición hai máis de vinte anos. Foi, no seu momento, o único certame de poesía para a infancia en Galicia, o que lle confería un brillo especial, e dúas décadas máis tarde continúa a selo. A poesía, dentro da literatura infantil, é un dos xéneros, xunto co teatro, que conta cun menor número de títulos publicados. Búscase, por tanto, compensar este desequilibrio, reforzando o patrocinio para facilitar unha maior presenza da poesía dentro do sistema literario galego.
Nesta nova etapa, a Fundación Xosé Neira Vilas e GÁLIX suman esforzos para manter vivo o certame literario, grazas ao patrocinio de Deleite, unha empresa galega recoñecida polo seu compromiso coa calidade dos seus produtos e coa identidade cultural, así como coa lingua, a literatura, o cine, o teatro, a música e todas as actividades que combinen cultura e lingua galega con infancia e xuventude.
Por parte de GÁLIX, sección galega da OEPLI e representante do ámbito lingüístico galego no IBBY (International Board on Books for Young People), cabe lembrar que entre as súas finalidades está a "visibilización" do libro infantil e xuvenil en galego, así como a promoción de xéneros que, por diversas razóns, resultan "minorizados" no campo da edición comercial.