O Porriño na orixe do cinema
O proxecto “José Gil. Pontevedra, provincia de cine, na orixe do cinema” chega mañá ao Porriño para achegar á veciñanza e á comunidade educativa o legado do gran precursor do cine galego.
O proxecto, financiado pola Deputación, en colaboración con Vía Láctea Films, Cine na Rúa e Editorial Galaxia, recala na vila do Louro con proxeccións, concertos, encontros e múltiples actividades arredor do cineasta e da súa obra.
José Gil montou no ano 1910 a primeira produtora de cinema da historia de Galicia. Levaba o cine a todos os recunchos de Galicia, un Cinemóbil, que será a peza central coa que este proxecto co que se pretende recuperar a necesaria presenza no ideario colectivo de alguén que loitou toda a súa vida por poñer as bases do cinema moderno. E isto sendo un rapaz dunha aldea remota de Galicia de finais de século XIX, que a pesar diso chegou a ser un grande fotógrafo, director, operador de cámara, realizador, produtor e exhibidor de cine.
VINCULACIÓN
O pai de José Gil, o garda civil Domingo Gil, estivera destinado na casa cuartel do Porriño a comezos de 1873, cando o futuro cineasta só tiña tres anos. O Porriño era un lugar de paso na visitas co seu Ford e as estadías na aldea natal, Rubiós (As Neves). Ao longo dos anos impresionou algunhas películas no Porriño como Campamento de tropas nas gándaras de Budiño que aparecían en Pontevedra y sus paisajes (Actualidades de Pontevedra) en 1924. O médico municipal do Porriño, Aquilino Álvarez Argüelles, era un grande amigo da familia, chegando a presidir o enterro da súa filla Rosa Gil en 1922 e asistindo aos funerais de María e Josefa.
No entanto, en agosto de 1925, a “Unión de Sociedades do Distrito de Porriño” de Bos Aires produciron un documental de 1.000 metros, Porriño y su distrito, para ser enviado á Arxentina con imaxes das diferentes parroquias do concello. Era unha das encomendas habituais de José Gil por toda Galicia por ser considerado “o cineasta da emigración”. Lamentablemente, nesta ocasión o contrato de produción non recaeu na empresa de Gil, senón na produtora arxentina “América Hispana Films” do emigrado leonés León Artola.
No verán de 1933 percorreu varias localizacións do concello filmando panorámicas do Porriño e as súas industrias e patrocinado pola empresa local, a fábrica de cerámica e ladrillos “Mas”. Esta fita integrábase no derradeiro Noticiario de Galicia (nº 11), sendo estreado no Teatro Diz o 22 de marzo de 1934.
Entre 1928 e 1933 -até a chegada do cinema sonoro- exhibíronse habitualmente documentais sobre Vigo e os Noticiarios de Galicia producidos por Galicia Cinegráfica no “Salón Diz”, propiedade de Servando Diz Rey.