As pezas realizadas polo alumnado de catro centros de ensino galegos pasáronse no Auditorio do Museo do Pobo Galego
Esta mañá proxectáronse no Auditorio do Museo Pobo Galego as pezas resultantes da MICEscola, a iniciativa da 19ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego para achegar ao alumnado de secundaria e bacharelato o cinema, a antropoloxía e o método etnográfico, co fin de facelos partícipes da recolla da memoria individual e colectiva.
Titorizados polo DEAC do Museo e as cineastas Coral Piñeiro e Bruno Arias, nesta segunda edición da actividade participaron alumnas e alumnos dun total de cinco centros educativos galegos: o IES Pedra da Aguia (Camariñas), o IES de Oroso (Oroso), o IES de Arzúa (Arzúa), o IES de Cacheiras (Teo) e o CPI Plurilingüe Cernadas de Castro (Lousame). Preto de 70 escolares que levan traballando no proxecto desde o primeiro trimestre do curso 2023-24. En concreto, as pezas guionizadas, producidas, gravadas e editadas polo alumnado que se proxectaron hoxe foron as seguintes:
- Comunicazión alfa, unha curta realizada por 30 alumnos e alumnas de 2º da ESO do IES de Cacheiras (Teo), que explora a maneira de comunicarse dos rapaces de entre trece e catorce anos. Un ser atemporal observa, mostra e desenvolve unha perspectiva de incomprensión, a que se ten desde o mundo adulto, sobre como se comunica a mocidade de Cacheiras en distintos contextos e situacións. Porén, a peza quere mostrar que, como todas as xeracións, esta, a denominada Alfa, que, ademais, herda parte da linguaxe e dos modos da Xeración Z (de aí o z no título), ten unha maneira de expresarse propia.
- Do xogo ao deporte. O deporte nas distintas etapas da vida, un traballo desenvolvido por 15 alumnos e alumnas de 4º da materia de Economía e Emprendemento de 4º da ESO do IES de Oroso (Oroso). O proxecto, inconcluso, trata a relación co deporte nas diferentes etapas da vida, dende os momentos inciais, ligados ao xogo, ata como se inicia a actividade máis estritamente deportiva na infancia e adolescencia e as experiencias vitais de persoas que se dedicaron ao deporte profesionalmente ou non.
- Nós, un proxecto do IES de Arzúa realizado por 10 alumnos e alumnas de 2º de bacharelato. A curtametraxe fala dos condicionantes e da presión que viven as rapazas e rapaces que cursan 2º de bacharelato ao enfrontarse á EBAU.
- A festa do Carme, unha peza do IES Pedra da Aguia (Camariñas), realizado por 25 alumnas e alumnos de 1º da ESO. Un proxecto que ofrece diferentes puntos de vista sobre como se vive a festa do Carme, para explicarllo a alguén que nunca o viviu.