‘Petiscos de lingua’, achegarse á literatura popular galega
Migallas Teatro chega este venres 11 de novembro á sala multiúsos do auditorio municipal para facer gozar ao público coa representación de ‘Petiscos de lingua’, un espectáculo dirixido a público infantil e familiar co que se busca dar a coñecer e fomentar a práctica de ditos e recitados da literatura popular de Galicia e apoiar a transmisión interxeracional da lingua.
Mediante xogos verbais de participación, cancións, contos, monicreques e outros atractivos recursos ofrécese ao público dun xeito divertido unha escolma de ditos populares recollidos na serie de vídeos realizada pola propia compañía teatral baixo o nome de ‘Brincadeiras da lingua’.
O concelleiro de Lingua, Fernando Groba, convida á veciñanza a achegarse ata a sala multiúsos para gozar deste espectáculo cheo de bo humor e curiosidades que será representado ao abeiro do programa de dinamización lingüística FalaRedes da Secretaría Xeral de Política Lingüística para a Rede de Dinamización Lingüística (RDL), da que forma parte o Concello de Ponteareas.
A actividade comezará ás 18.00 horas e será de balde, con entrada libre ata completar aforo.