Pequefilmes
Coas entradas esgotadas para as primeiras sesións, comezou hoxe sábado Pequefilmes, o festival internacional de curtametraxes infantís organizado pola Xunta de Galicia na Cidade da Cultura. O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, deu a benvida a esta sétima edición, que programa un total de 65 filmes procedentes de vinte países pensados para públicos de todas as idades.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades incidiu na relevancia do festival como cita consolidada dentro da programación familiar do Gaiás. Cada ano, Pequefilmes aposta por ofrecer, en pantalla grande, unha selección do mellor cinema para audiencias novas que se fai no mundo, cultivando entre as nenas e nenos o gusto polo cinema e a súa ollada crítica como espectadores.
O festival decorre o sábado 28 e o domingo 29 de xaneiro, con sesións nas mañás e tardes de ambos días. As proxeccións distribúense en dúas salas por idades: Vagalumes, para as pequenas e pequenos de 0 a 3 anos de idade, e Vacalouras, para maiores de 4 anos. Ademais, haberá obradoiros para aprender en familia os fundamentos das técnicas de animación foto a foto vinculadas ás orixes do cinema.
Para quen non consiga facerse cunha entrada —á venda en Ataquilla e na Cidade da Cultura desde 3 euros por sesión— ou non teña posibilidade de achegarse ao Gaiás nesta fin de semana, Pequefilmes ofrece a posibilidade de gozar da programación en liña, a través da plataforma de streaming Festhome.