Paula Cons abre as actividades sobre igualdade do Festival de Cine Inclusivo

O sábado o certame acollerá unha sesión de curtas pola igualdade e unha charla sobre o xénero na nova ficción.

A directora galega Paula Cons participará mañá, venres, nun coloquio nos cines Salesianos cos epectadores do seu filme ‘La isla de las mentiras’. Esta película, que obtivo 19 nominacións aos Premios Goya, narra a historia das tres mulleres que ante o naufraxio dun buque frente a illa de Sálvora deciden botarse ao mar e conseguen salvar a vida de 48 persoas. A proxección, como todas as do festival, é de acceso libre ata completar aforo e iníciase ás 21.00 horas. Cons dá comezo a varias actividades que, como novidade, o festival programa arredor da igualdade. O sábado
pola mañá o Auditorio do Concello acollerá a partir das 11 da mañá unha sesión na que se proxectarán oito curtas nas que a temática é a muller: ‘The human voice’ de Pedro Almodóvar, ‘Mamá no trabaja’ de María Barragán, ‘Monólogo’ de Pilar García Elegido, ‘Before I die’ de Iker Esteibarlanda, ‘Cigarrillos’ de Rosario Pardo, ‘Dolapo is fine’ de Ethosheia Hylton, ‘The last day of patriachy’ de Olmo Omerzu e ‘La colcha y la madre’ de David Pérez Sañudo. Tras as proxeccións terá lugar a charla AGAG sobre ‘Mulleres reais ficiticias: o xénero na nova ficción’ na que participarán os guionistas Ángel Manzano, vicepresidente da AGAG (Asociación Sindical Galega de Guionistas) e Araceli Gonda, guionista en filmes como ‘Cuñados’ ou a serie ‘Hierro’.

Nestes dous últimos días de festival tamén se proxectará o filme francés ‘Especiales’ de Olivier Nakache e Éric Toledano, o venres no cine Salesianos ás 18.00 horas. Conta a historia de Bruno e Malik dous amigos que durante vinte anos viviron un mundo diferente: o dos nenos e adolescentes autistas e conseguen crear unha asociación excepcional, fóra das contornas tradicionais, para unhas persoas extraordinarias.

Ademais, o público familiar terá o seu propio espazo no festival cunha sesión de curtas de animación no Museo Marco o sábado ás 12.00 horas. En total proxectaranse oito curtas nas que se tratan temas tan variados como o respecto pola
natureza e os animais, as desigualdades, os complexos ou os ciumes. A sesión de curtas de ficción, o sábado ás 18.00 horas no Auditorio do Concello porá o peche á sexta edición deste certame cinematográfico. Nesta sección participan oito curtas entre as que podemos ver ‘Feeling Through’; este filme nominado aos óscar foi o primeiro en ser protagonizado por unha persoa con xordera e ceguera.

A Asociación Galega Audiovisual Inclusiva (AGAIN) organiza o VI Festival Internacional de Cine Inclusivo de Vigo, co obxectivo de dar a coñecer, apoiar e valorar proxectos cinematográficos realizados por e para a inclusión, a igualdade e a difusión universal da sétima arte. O festival non sería posible sen o patrocinio e colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), da Deputación de Pontevedra, do Concello de Vigo e de Fundación La Caixa