Os selfies de Laxeiro
Por primeira vez, reúnense nunha exposición a totalidade dos autorretratos de Laxeiro coñecidos ata a data. Dende os anos vinte ata finais dos anos oitenta un total de dezaoito pezas, realizadas en técnicas diversas que ilustran a evolución do artista e a interpretación da súa propia imaxe.
Título Son eu. Dezaoito autorretratos de Laxeiro. Da afirmación á disolución do suxeito Comisariado Carlos L. Bernárdez Tipo de obra Debuxo sobre papel, óleos sobre tea, óleos sobre cartón Lugar Fundación Laxeiro. r/Policarpo Sanz, 15, 3º, Vigo Inauguración Venres, 31 de xaneiro, 19.00h Clausura Domingo, 17 de maio
O PROXECTO
Os dezaoito autorretratos que, dende o venres, 31 de
xaneiro, se mostrarán na Fundación Laxeiro, compoñen, no seu conxunto, un
percorrido excepcional da evolución plástica do artista, mais tamén da
evolución do xénero do retrato ao longo do século pasado, ademais de supoñer
unha oportunidade única para comprobar de primeira man, as diferentes interpretacións
que o artista fixo de si mesmo, en diferentes técnicas como o lapis, o carbón,
a tinta e o óleo, a través de sesenta anos de traxectoria.
Comisariada por Carlos L. Bernárdez, o proxecto analiza a
evolución da autorrepresentación do artista e a representación do rostro humano
dende a época das vangardas ata o último terzo do século XX. A expresión Son
eu, escrita polo pintor nalgunhas das pezas expostas, serve de punto de
partida para afondar nesa interpretación do propio rostro e da identidade subxacente
que todo retrato leva implícita.
O proxecto é produto do traballo de investigación que a
Fundación Laxeiro leva a cabo dende hai vinte anos, cuxo resultado máis
salientable é a catalogación de preto de catrocentas referencias do autor, o
que facilita enormemente acometer proxectos como este.
O proxecto serviu tamén para achegar ao público obras que
nunca antes se expuxeran e tamén obras que se atopan en coleccións fóra de
Galicia.
A EXPOSICIÓN
Os dezaoito autorretratos son expostos nunha orixinal montaxe, dentro da
exposición permanente que durante todo o ano exhibe os fondos da Fundación
Laxeiro, formados por sesenta e cinco obras de todas as épocas do artista ás
que, recentemente se sumaron cinco pezas en depósito, procedentes de diversas
coleccións privadas.
A razón pola que a mostra se monta dentro da Colección permanente
é que esta alberga cinco das dezaoito pezas que compoñen o proxecto, o que
levou ao comisario, a propoñer esta solución expositiva, provocando así unha
sorte de xogo, por medio do que se convida ao público visitante a buscar e
atopar os dezaoito autorretratos que compoñen a exposición.
Máis alá da orixinalidade da montaxe, é de sobra coñecido o especial
talento que Laxeiro tiña para o retrato, un xénero ao que recorría cando quería
experimentar formas novas de pintar, polo que a exposición ten un interese
obxectivo que, máis alá do sentido lúdico da montaxe, ofrece unha oportunidade
única para apreciar a gran calidade de Laxeiro como debuxante e como pintor,
neste caso, no traballo do autorretrato.
Unha das liñas de argumentación comisarial, céntrase no camiño que este
xénero vai percorrendo ao longo do século XX e como o problema da
autorrepresentación vai mudando, dende unha primeira fase testemuñal e mesmo de
aprendizaxe, ata un estadio de conflictividade entre a pintura e a súa función
representativa, acentuado coa falta de fe no xénero humano, despois das dúas
guerras mundiais, unha problemática común na arte da época que, en Laxeiro,
coincide ademais co seu achegamento a postulados informalistas, a partir do
inicio da década dos anos cincuenta.
OBRAS POUCO DIFUNDIDAS
A exposición ten ademais o interese de achegar a Galicia obras como o Autorretrato
de 1948, da Colección BBVA, unha obra que ilustrou a primeira monografía
de Laxeiro, asinada por José Ruibal e editada por Cuadernos de Arte Gallego,
en 1951. Tamén se pode contemplar unha espléndida acuarela de 1930 que non
volvera ser exposta, dende a Gran Retrospectiva que lle dedicara o Centro
Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela e o Centro Cultural
Conde Duque de Madrid, en 1996.
Recupérase tamén, esta vez en forma de reprodución, porque a obra
orixinal está desaparecida, un autorretrato feito a tinta, de principios dos
anos trinta, publicado en El Pueblo Gallego en novembro de 1932, e
algunha obra inédita como un lapis sobre papel realizado na súa época de
soldado, cando fora destinado á Fronte de Asturias, onde trabou amizade co
poeta Celso Emilio Ferreiro.
O espléndido Autorretrato de 1934-35, realizado en óleo sobre cartón, no
período da súa estética granítica é outro dos atractivos da exposición.
Nel pódense apreciar todas as características do Movemento Renovador e
tamén a súa sintonía coas vangardas internacionais, en concreto cos movementos
de Retorno á Orde e a Nova Obxectividade.
Estas obras conviven por primeira vez con xoias pertencentes á Colección
permanente, como o seu Autorretrato sobre cartón de 1934, no que
Laxeiro se pinta case como un adolescente, ou o de 1936, un carbón sobre papel,
no que nos mira de esguello, evidenciando a indiscutible influencia de Rembrandt.
Tamén se pode ver o decisivo Autorretrato de 1952, co que, xa instalado
en Bos Aires, inaugura o seu período informalista.
A exposición, no seu conxunto, é unha inmellorable oportunidade para
achegarse á obra de Laxeiro nun xénero tan canónico como é o autorretrato
e profundar nas claves que fixeron del un dos artistas máis salientable da
pintura galega do século XX, cultivando técnicas e linguaxes dun xeito
transversal, dende unha actitude de permanente experimentación.