Os Premios da Cultura Galega homenaxean a Movida viguesa
O acto de entrega dos Premios da Cultura Galega 2019 este
ano renderonn homenaxe á Movida viguesa, un movemento social, artístico e
cultural que abriu as fiestras a aires máis renovadores naquela Galicia dos
anos 80.
Feijóo quixo
trasladar os parabéns a todos os galardoados, dándolles as grazas por seguir
enriquecendo e universalizando a nosa cultura. “Unha cultura sen sectarismos
nin exclusións que reflicte fielmente a maneira de ser dos galegos: un pobo
curioso e aberto que ve na cultura propia unha valiosa ponte para mostrar o
noso ao mundo e para, ao mesmo tempo, aprender e inspirarnos do alleo”, dixo.
Deste xeito, o presidente da Xunta referiuse, primeiramente,
ao proxecto Galego en Londres, desenvolvido por un grupo de alumnos de lingua e
cultura galegas do Instituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres, e que
supón un gran pulo ao coñecemento da lingua e cultura da nosa terra no mundo.
Así como a traxectoria de Amancio Prada, “outro exemplo de que a nosa terra
carece de fronteiras”; de Alonso Montero, “unha figura esencial das nosas
letras e na Galicia contemporánea”; e da escultora Soledad Penalta, avantaxada
discípula de Isaac Díaz Pardo.
Feijóo valorizou tamén o proxecto 21 días co galego, da
profesora de lingua e literatura galega do IES da Pobra do Caramiñal, Pilar
Ponte Patiño, cuxo obxectivo é animar aos mozos do instituto a expresarse en
galego durante tres semanas, actuando así a prol do idioma nun tramo de idade
vital para o futuro da lingua.
No acto, o responsable do Executivo galego invitou a todos a
ver O sabor das margaridas, non só por ser a primeira serie integramente en
galego, incluída no catálogo de Netflix, senón tamén pola súa interesante
trama, pola súa estética e pola beleza das paraxes naturais onde se ambienta.
Logo de salientar a restauración do Pórtico da Gloria e, con
el, a recuperación do sorriso máis fermoso do Románico: o sorriso de Daniel,
como un dos fitos máis importantes con respecto á nosa cultura e ao noso
patrimonio, Feijóo tivo tamén palabras de recoñecemento para o traballo de
Monicreques de Kukas, a compañía profesional de teatro de obxectos máis antiga
de Galicia e cuxas obras presentan un carácter didáctico e social e, ademais,
contribúen á normalización do galego coa difusión nesta lingua dun fascinante
universo creativo particular.
“Grazas a todos por ser ilustres viaxeiros do extenso e
variado camiño que presenta a cultura galega”, concluíu o presidente da Xunta,
incidindo en que todos os premiados representan “o mellor espírito de Galicia”.