‘O soño musical dos corpos celestes’
O proxecto científico-artístico O soño musical dos corpos celestes, impulsado polo ArtLab do Instituto Galego de Fïsica de Altas Enerxias (IGFAE) estréase o vindeiro 7 de setembro no compostelán colexio de Fonseca co apoio da Xunta de Galicia, da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do Concello de Santiago.
O secretario xeral de Política, Valentín García, destacou a iniciativa “como un proxecto novidoso que impulsa a lingua galega desde os ámbitos científico e artístico para celebrar o Xacobeo 21-22”. Neste senso, subliñou a capacidade do proxecto para poñer en valor “o universo e a cartografía do Camiño de Santiago e a muller na ciencia e na divulgación científica”.
Canda o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade participaron na presentación a tenente de alcalde e concelleira de Acción Cultural de Santiago, Mercedes Rosón; a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos da USC, Mar Lorenzo Moledo; o director do IGFAE, Carlos A. Salgado, e parte do equipo artístico do espectáculo: Irene Dubrovsky, Uxía, Germán Díaz e José Edelstein.
'PERFORMANCE'
O soño musical dos mapas celestes é unha experiencia inmersiva, elaborada arredor dunha instalación audiovisual da artista Irene Dubrovsky, inspirada nos mapas do cosmos e as distintas maneiras de cartografalo. A disposición das estrelas no lenzo da noite ofrécese como unha linguaxe musical. Os puntos deveñen sucos e o ceo convértese nunha partitura circular. Estes puntos luminosos son tamén un texto e o investigador do IGFAE José Edelstein, seguindo a tradición de Pitágoras e Kepler, explora as harmonías da música do cosmos nesa danza astronómica, narrándoas a través dalgunhas historias do Camiño de Santiago.
O proxecto impúlsao o ArtLab do Instituto Galego de Fïsica de Altas Enerxias (IGFAE) e estréase o vindeiro 7 de setembro no Salón do Artesoado do compostelán Colexio de Fonseca co apoio da Xunta de Galicia, da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do Concello de Santiago. Conta tamén co apoio da Unión Europea a través do fondo FEDER Unha maneira de facer Europa.
FONSECA
O espectáculo conta coa participación artística deIrene Dubrovsky (artista visual), José Edelstein (texto), Celtia Figueiras (actriz), Germán Díaz (música), Octavio Más (iluminación) e de Uxía (cantora). Narra a historia de Læila, unha muller interpretada por Celtia Figueiras que transita o Camiño ao longo dos séculos. En diálogo con personaxes do Camiño, reflexiona sobre a maneira na que habitamos o espazo e o tempo, convertendo ao cosmos nun texto e ao territorio nun organismo vivo.
Poderase gozar, de balde e con reserva previa de entrada ata esgotar a capacidade en bit.ly/soñomusicalrexistro, os vindeiros 7, 8, 9 e 10 de setembro no Colexio de Fonseca. Máis información na Axenda de Cultura de Galicia.