‘O porco de pé’

Fragmento do cartel anunciador.
Teatro Principal de Ourense, do 30 de marzo ao 1 de abril

A Rede Galega de Teatros e Auditorios, impulsada pola Xunta en colaboración coas administracións locais, leva ao Teatro Principal de Ourense a estrea de O porco de pé, de Producións Teatráis Excéntricas. Do 30 de marzo ao 1 de abril, haberá tres funcións deste espectáculo beneficiario da liña de axudas á creación escénica do Goberno galego, segundo se anunciou hoxe nunha rolda de prensa que contou coa participación do director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil.

Fragmento do cartel anunciador.

A montaxe dirixida por Quico Cadaval, quen tamén é codramaturgo xunto a Pepe Sendón, terá o seu pase inaugural o mércores ás 12,00 horas, dirixido a escolares. Nas xornadas do xoves e do venres as representacións darán comezo ás 20,00 horas. Posteriormente, a peza percorrerá 12 concellos máis ata outubro e en catro deles −Lalín, Lugo, O Barco de Valdeorras e Ortigueira− farao ao abeiro da Rede Galega de Teatros e Auditorios, segundo salientou Jacobo Sutil. A eles súmanse O Rosal, Santiago de Compostela, Rianxo, A Illa de Arousa, Allariz, Vilalba, Verín e Malpica de Bergantiños.

Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade referiuse á mestría con que Producións Teatráis Excéntricas “está a levar ás táboas e popularizar grandes clásicos das letras galegas e universais”. “É especialmente gratificante comprobar que O porco de pé, do mesmo xeito que os novos proxectos das 30 compañías profesionais galegas beneficiarias das axudas aos distintos ámbitos da creación escénica de 2021 van poboando xa os nosos escenarios”, apuntou.

PROGRAMACIÓN

Con este espectáculo, a compañía compostelá reinventa o retrato de Nós e ofrece un teatro de fenómenos cheo de monstros de barracón, con Patricia Vázquez, Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo como elenco. Completan o equipo Carlos Alonso na escenografía e no vestiario, Octavio Mas na iluminación e Piti Sanz na banda sonora.

A programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios en Ourense ofrece ata xuño un total de sete actuacións. Así, ademais de Moria, de Unahoramenos Producciones, que abriu o cartel o pasado xaneiro, e O porco de pé, o Teatro Principal ten prevista a chegada da coprodución do Centro Dramático Galego Rastros para o 22 de abril, coa compañía Condetrespés. Xa o 30 de maio, Teatro Proscrito ofrecerá ManarA derradeira caravana. O peche semestral do circuíto na cidade ourensán porao a compañía Voadora con Othello, o 9 de xuño.