O patrimonio do Condado a estudio con expertos nunhas xornadas
Ponteareas acollerá durante cinco días as I Xornadas sobre Patrimonio do Condado que porán en valor o patrimonio da comarca e contribuirá na difusión desta riqueza histórica.
As xornadas brindarán ao público a oportunidade única de escoitar aos máis importantes estudosos de historia, arqueoloxía e arte de dentro e fóra de Galicia totalmente de balde sendo tan só preciso inscribirse no enderezo electrónico bibliotecamuseo@ponteareas.es ou a través do número de teléfono 986 66 07 65
A concellería de Cultura, que dirixe Fernando Groba, e o departamento de arqueoloxía da Facultade de Historia da Universidade de Vigo, asinaron un acordo de colaboración que fará posible as I Xornadas sobre Patrimonio do Condado.
A concellería de Cultura, co obxectivo de achegar as xornadas aos estudantes universitarios, acordou coa Universidade a concesión de 0,9 créditos ECTS para os estudantes de grao.
Ademais,
tamén outorgarán un certificado de asistencia ás persoas participantes
que asistan como mínimo ao 80% da actividade.
Xornadas
Internacionais
As
I Xornadas sobre o Patrimonio do Condado serán prácticas e teóricas e
traerán a Ponteareas figuras do nivel do arqueólogo Xosé Lois Villar; Marta
Cendón e María Luisa Castro da Universidade de Santiago de Compostela; o
arqueólogo da Deputación Rafael Rodríguez; Juan Manuel Buján, Ministro
Provincial dos Franciscanos; Carlos Andrés González Paz do Instituto de
Estudios Gallegos Padre Sarmiento; Clodio González Pérez do Museo do Pobo
Galego e da Real Academia Galega; , José Manuel Hidalgo Cuñarro do Instituto
Histórico e Xeográfico de Santa Catarina Brasil; Rafael Sánchez Bargiela do
Instituto de Estudos Tudenses e o arqueólogo Alberte Reboreda, entre outras
figuras expertas en Patrimonio e Historia.
Estas
primeiras xornadas terán oco para as iniciativas das asociacións culturais sobre
o patrimonio do Condado e no xoves haberá unha mesa redonda na que participará
Marcos Escudero e Marina Alcalde da A.C. ViaxaMos no tempo, Nieves Barrera da
asociación Rancho de Reis de Guláns e Arístides Carrera da asociación
Patrimonio Cultural Val do Tea.
As
e os participantes tamén desfrutarán de visitas guiadas ao Castro de
Troña e aos petróglifos de Gargamala para ademais de coñecer o noso patrimonio,
participar nunha clase práctica.
Toponimia,
arquitectura, o medievo, as nosas orixes ou a historia da arte floral serán
algúns dos temas nos que adentrará o público da man dos expertos.
“Estas primeiras xornadas achegarán a importancia do patrimonio histórico e cultural á cidadanía, aos universitarios e ao alumnado en xeral e tamén suporán unha oportunidade única de escoitar a conferenciantes e expertos de dentro e de fóra de Galicia na nosa vila”, explica Fernando Groba.