jueves. 26.12.2024

A Fundación Paideia acolleu esta tarde a entrega do XIII Premio de Narrativa Breve Repsol en Lingua Galega ao escritor Gonzalo Hermo pola obra Diario dun enterro. Trátase dun galardón que convoca conxuntamente a Xunta de Galicia e a Fundación Repsol, dotado con 12.000 euros e que contempla a publicación do libro pola Editorial Galaxia.

O acto foi presidido polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e nel tomaron parte a subdirectora da Área Institucional da Fundación Repsol, Arantzazu Hernánz; o director xeral de Galaxia, Francisco Castro, e o propio galardoado. Na súa intervención, o titular de Cultura destacou a aposta de Repsol polo idioma e a literatura de Galicia, e expresou o seu desexo de que iniciativas como esta teñan continuidade en novos proxectos de responsabilidade social doutras empresas asentadas na nosa Comunidade.

Sobre o galardoado, Román Rodríguez sinalou que se trata dun autor novo que obra tras obra “se está a consolidar como referente das letras galegas deste século XXI” e afirmou que con Diario dun enterro se prosegue na senda de excelencia narrativa que caracteriza o premio. O conselleiro concluíu a súa alocución explicando que “humildemente, esta iniciativa se enfoca para axudar a dinamizar o sector do libro e para convidar á lectura poñendo en circulación manuscritos de alta calidade literaria”.

COLABORACÓN PÚBLICO-PRIVADA

O Premio Narrativa Breve Repsol foi creado no 2006 pola refinería de Repsol na Coruña. Desde 2010, a Fundación Repsol toma a remuda para convocar o premio contando coa colaboración Consellería de Cultura e Turismo, así como da Editorial Galaxia, a Real Academia Galega e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).

O xurado desta edición estivo composto por cinco personalidades das letras galegas: Anxos Sumai, gañadora da II edición do Premio Narrativa Breve Repsol pola súa obra Así nacen as baleas; Carlos Lema, director de Edicións da Editorial Galaxia; Euloxio Rodríguez Ruibal, académico da Real Academia Galega; Berta Dávila, gañadora do Premio Narrativa Breve 2013 pola súa obra O derradeiro libro de Emma Olsen, e Dolores Vilavedra Fernández, profesora de literatura galega na USC.

No seu ditame, este órgano decantouse por Diario dun enterro pola “sinxeleza estrutural e o estilo depurado da novela, que afonda nun tema universal como son os rituais da morte e o seu impacto nos roles familiares para debuxar un personaxe protagonista que asume unha oposición ás identidades tradicionalmente atribuídas á súa orixe”. Así mesmo, o xurado destacou o equilibrio entre o fondo e a forma, a regularidade da construción narrativa, a veracidade dos diálogos e a honestidade da mirada que se deita sobre os personaxes.

FILÓLOGO, PROFESOR E ESCRITOR

Gonzalo Hermo (Taragoña, Rianxo, 1987) é licenciado en Filoloxía galega e doutor en Lingüística. Impartiu docencia na Universidade de Santiago de Compostela e mais na Autónoma de Barcelona. Actualmente, vive en Barcelona, onde traballa no sector editorial e é profesor de escrita creativa da Escola de Lletres.

Publicou tres libros de poemas: Crac (Barbantesa, 2011), Celebración (Apiario, 2014), editado en catalán por Godall Edicions e en castelán por La Bella Varsovia, e A vida salvaxe (Pen Club Galicia, 2018). Obtivo, entre outros recoñecementos, o Premio da Crítica en 2014, o Premio Nacional de Literatura na modalidade de Poesía Nova Miguel Hernández en 2015 e o Premio de Poesía Afundación 2018. Diario dun enterro é a súa primeira novela.

O III Premio de Narrativa Breve Repsol outorgado a Gonzalo Hermo por 'Diario dun enterro'