O ciclo de monólogos Humor no Camiño comeza o seu percorrido por dez municipios
A Consellería de Cultura e Turismo impulsa a través do programa O teu Xacobeo o ciclo de monólogos Humor no Camiño, que organiza a Asociación Xuvenil Sagrado Corazón de Lugo e ao que achega 19.200 euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, e o presidente da entidade organizadora, Óscar Engroba, presentaron hoxe o programa, que inclúe dez paradas noutros tantos concellos polos que discorren os Camiños Primitivo, Norte e Francés, todos da provincia de Lugo menos o de Melide, que inaugura o programa.
Os participantes son humoristas moi coñecidos polo público, e todos eles comprometéronse a crear monólogos que tiveran como eixe historias ou vivencias do Camiño. Abrirá a programación J.J.Vaquero na Casa da Cultura de Melide, este sábado ás 20.30 horas. E o seguinte actor en sumarse será Carlos Blanco, o 31 de xaneiro en Vilalba e o 1 de febreiro en Ribadeo. O 21 de febreiro, o auditorio Gustavo Freire de Lugo recibirá a JJ.Vaquero, Nacho García e Dani Fontecha. A partir de aí, Pedro Brandariz visitará Baleira e Castroverde, Pepo Suevos A Fonsagrada, Xan Veiga Portomarín, e David Perdomo Sarria e Mondoñedo, onde pechará o programa.
Óscar Engroba sinalou que se tratou de facer partícipes aos veciños e veciñas dos municipios polos que discorren os Camiños e engadiu que se fixaron prezos populares, especialmente nos concellos rurais que habitualmente dispoñen de menor volume de programación cultural. As persoas interesadas poden atopar toda a información sobre datas, horarios e localizacións e comprar as entradas na web da asociación.
Balseiro explicou que este proxecto “é unha boa mostra do tipo de iniciativas que a Xunta de Galicia quere promover coa convocatoria de O teu Xacobeo, actividades de dinamización social e cultural que xurdan do tecido social e cheguen a todo o territorio, logrando que todos os galegos se sintan partícipes da gran celebración que é o Ano Santo para Galicia”.
SEGUNDA CONVOCATORIA
O delegado territorial lembrou que neste momento está aberta a segunda convocatoria, para recibir novas propostas de actividades que se celebren entre o 1 de maio de 2020 e o 30 de abril de 2021. O prazo de solicitudes permanece aberto ata o 30 de decembro.
A primeira edición do programa permitiu organizar máis de medio cento de actividades na provincia de Lugo, a desenvolver entre o 2019 e o 2020. En concreto, apoiou 52 iniciativas de dinamización en 38 concellos lucenses, sumando unha achega da Xunta de 531.000 euros que permitiu mobilizar investimentos por valor de preto dun millón de euros.
A convocatoria está aberta a entidades públicas, privadas e sen ánimo de lucro, coa intención de fomentar a participación de todos os axentes da sociedade e lograr unha programación sociocultural que anticipe a celebración do Xacobeo 2021.