O CDG estrea este xoves ‘Terceiro acto’
O Centro Dramático Galego, unidade teatral da Xunta de Galicia, estrea este xoves a súa nova produción Terceiro acto, dirixida por Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez e que reúne un elenco de rostros moi coñecidos para o público. Belén Constenla, Roberto Leal, Fernando Morán, Mabel Rivera e Eduardo R. Cunha ‘Tatán’ protagonizan esta peza, que ofrece unha reflexión sobre a última etapa da vida e reivindica o papel das persoas maiores na sociedade actual.
A obra foi presentada esta mañá no Salón Teatro, nun acto no que participaron o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, xunto coas directoras e o equipo de intérpretes.
Na súa intervención, Anxo M. Lorenzo destacou o esforzo que están a facer os profesionais das artes escénicas para seguir achegándolle á cidadanía os seus espectáculos dun xeito seguro nun contexto de especial dificultade. Neste sentido, resaltou o capacidade de adaptación do sector cultural ás circunstancias derivadas da covid-19, o que tamén vén demostrar o seu compromiso co público. O secretario xeral referiuse ademais ao impulso que lle está a dar a Xunta á escena, coa estrea da segunda produción do CDG deste ano, que se suma a outras dúas pezas de produción propia, O charco de Ulises e Serva me servabo te, e ás sete coproducións previstas, entre outros proxectos.
Ao igual que en O charco de Ulises, con esta produción o Centro Dramático Galego fai unha nova aposta pola codirección, neste caso da man de dúas mulleres. Avanza así tamén no compromiso adquirido este ano coa adhesión á iniciativa Tempadas de igualdade nas artes escénicas, promovida pola asociación para a igualdade de homes e mulleres na cultura Clásicas e Modernas.
O equipo artístico complétase ademais con maioría feminina. A escenografía corre a cargo de Marta Pazos, o vestiario de Yaiza Pinillos, a iluminación de Miguel Ruz Velasco, o espazo sonoro de Hugo Torres e a coreografía de Amaya Galeote. Pola súa banda, Laura Míguez asume a asistencia de dirección, Carmen Triñanes, a de escenografía e Xandre Vázquez, a de produción.
A CONVERSA
Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez, integrantes da compañía Teatro En Vilo, son tamén as creadoras dos textos a partir de improvisacións co elenco. Deste xeito, a peza convértese nun lugar de encontro, coa conversa como base. Os actores e actrices intégranse nas personaxes, que son eles mesmos, para compartir co público a súa memoria, os seus soños e as súas emocións nunha viaxe apaixonante a través das historias dunha parte viva do teatro en Galicia.
Terceiro acto estará no Salón Teatro durante un mes, ata o 16 de maio, no que se ofrecerán máis de 30 funcións de mércores a domingo. As entradas están xa á venda en ataquilla.com e poden adquirirse tamén no despacho de billetes desde dúas horas antes de cada función. O prezo é de 10 euros, con descontos do 40% para diversos colectivos e os domingos, día do espectador.
INCLUSIÓN Y APERTURA
No marco da nova estratexia de difusión establecida polo CDG para este ano, centrada en potenciar o achegamento do teatro á cidadanía, haberá dobres funcións os venres e sábados a partir do 23 de abril e ao remate da función dos domingos desenvolverase un encontro do elenco co público no que afondarán no proceso de creación da obra.
Cómpre sinalar tamén que, na súa aposta pola inclusión, o Salón Teatro acollerá funcións descontraídas todos os mércores, con condicións de luz e son adaptadas ás necesidades das persoas con diversidade funcional. Nesta mesma liña, o 16 de maio terá lugar unha función inclusiva, na que haberá intérprete en lingua de signos, audiodescricións e programas de lectura fácil.
Ademais, e como novidade, o CDG está a organizar con diversos concellos desprazamentos da veciñanza a Santiago de Compostela para asistir ás funcións de Terceiro acto. O obxectivo é contribuír a que o maior número de poboación teña a oportunidade de ver un espectáculo da compañía pública na súa sede escénica. Gondomar, Redondela, Sada, Santiso, Teo, Toques ou Piñor son algúns dos municipios que xa se sumaron á iniciativa. A maiores, o CDG está a traballar nunha xira, prevista para o mes de xullo, no marco da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.
PÚBLICO
A nova produción supón a reapertura do Salón Teatro ao público para ver unha representación teatral, despois de que en xaneiro se suspendese a programación por mor das restricións derivadas da covid-19. Nestes meses, o CDG continuou co seu labor de dinamización escénica con outras iniciativas, como os programas Residencias cruzadas e Residencias artísticas no Gaiás, as visitas en liña ao Salón Teatro para escolares, ou a publicación da nova bolsa de dramaturxia e creación.