O catedrático de Cine Ángel Luis Hueso imparte unha conferencia titulada 'Reflexións cinematográficas no centenario da Bauhaus'
'Reflexións cinematográficas no centenario da Bauhaus' é o título da conferencia que impartirá Ángel Luis Hueso, catedrático de Cine da Universidade de Santiago e académico numerario da Academia Galega de Belas Artes, este martes, 17 de decembro.
O experto salientará o feito de que o período de existencia da Bauhaus (1919-1933) coincide cunha época de especial interese a todos os niveis artísticos e, en particular, no eido cinematográfico. Nesta liña, explicará como neses anos se produce unha importante transformación das fórmulas do cine, abríndose unha serie de novos camiños (estéticos, temáticos, xenéricos), que converterán eses momentos nunha etapa inigualable e inesquecible desta forma expresiva.
A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) ten en marcha o “Ciclo Bauhaus”, unha serie de conferencias que comezaron o pasado mes de outubro e se prolongarán ata xaneiro do vindeiro ano. Están enmarcadas nos “Martes das Artes” que promove a Academia. O ciclo componse de sete conferencias e un concerto sobre este transcendental movemento artístico alemá. Todas estas actividades celébranse no salón de actos da Academia (praza Pintor Álvarez de Sotomayor, 1), ás 20:00 horas.
Nesta iniciativa colaboran a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, a Deputación de Ourense e a Deputación de Lugo.