Nova liña de subvencións para incubadoras e residencias audiovisuais

Apoiarase a organización, por parte de entidades privadas, de encontros de formación e asesoramento que contribúan á creación e desenvolvemento de novos proxectos de cinema e televisión coa solidez necesaria cara á súa futura produción.
Contará cun investimento de 200.000 euros para que entidades privadas da Comunidade organicen laboratorios, incubadoras ou residencias para “a formación e o asesoramento” tanto na creación como no desenvolvemento de novos proxectos para cinema e televisión.

O presidente do Goberno galego en funcións, Alfonso Rueda, puxo en valor a decisión hoxe do Consello da Xunta de aprobar as bases dunha nova liña de axudas dirixida ao audiovisual galego. Segundo concretou, contará cun investimento de 200.000 euros para que entidades privadas da Comunidade organicen laboratorios, incubadoras ou residencias para “a formación e o asesoramento” tanto na creación como no desenvolvemento de novos proxectos para cinema e televisión. “Queremos que destes espazos saian proxectos sólidos e de calidade”, defendeu. 

Rueda explicou que esta nova liña de axudas se suma de xeito extraordinario ao programa de axudas ao sector para 2024, a través do cal a Consellería de Cultura, Educación Formación Profesional e Universidades investirá “máis de 5,8 millóns de euros” nas diferentes fases do proceso audiovisual, en referencia á preprodución e ás rodaxes e inclúe tamén a promoción de festivais e a comercialización das obras.

O mandatario galego en funcións salientou que cultura galega está vivir “un gran momento”. “E un bo exemplo é o audiovisual”, argumentou ao respecto, ao tempo que fixo fincapé en que películas e series creadas en Galicia están a acadar “éxito”. “E isto redunda na economía da comunidade e permite crear Marca Galicia polo mundo adiante”, enxalzou. 

Esta nova liña de axudas entronca nos seus obxectivos coa tamén nova convocatoria para a escrita de guións e coas dirixidas á promoción do talento audiovisual galego e ao desenvolvemento de proxectos, todas elas centradas na fase previa á rodaxe dos filmes ou series. No caso do apoio a laboratorios e residencias, búscase contribuír á xestación e mellora de novas propostas para garantir a calidade e a solidez necesarias no seu camiño á fase de produción e, xa que logo, a súa viabilidade artística, técnica e financeira.

AXUDAS DE ATA 50.000 EUROS

As bases establecen unha porcentaxe de axuda de ata o 80 % do orzamento subvencionable, cun límite de 50.000 euros por encontro, para financiar diferentes gastos relativos á organización de laboratorios, incubadoras ou residencias desenvolvidas no período que vai desde a data de publicación da convocatoria ata o 15 de agosto de 2025. Entre outros requisitos, deben contar cunha edición xa celebrada na que participasen, cando menos, dous proxectos de creación e/ou produción galega.

Para a súa concesión, en réxime de concorrencia competitiva, establécese un baremo de valoración que, entre outros aspectos, primará tanto o número de propostas galegas incluídas na edición inmediatamente anterior como a porcentaxe que se lles reserva naquela para a que se solicita a subvención. Tamén se terá en conta a porcentaxe reservada especificamente a proxectos de autoría feminina. 

EN LIÑA CO HUB AUDIOVISUAL

Con esta convocatoria continúase a estratexia global de apoio ao sector audiovisual galego durante 2024, seguindo cunha dinámica que tivo unha especial incidencia durante o pasado trienio 2021-2023 a través do Hub Audiovisual - Industria Cultural Galega. Este programa, deseñado e desenvolvido pola Xunta cunha dotación de 9,6 M€, supuxo un impacto de máis de 32 M€, cun retorno de case que catro euros por cada euro investido. 

Así se reflectiu no informe de resultados económicos realizado por un grupo investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC), no que destacan especialmente as cifras derivadas das dúas convocatorias para a atracción de rodaxes ao territorio galego.