Neira Vilas homenaxeado no seu cuarto cabodano do seu pasamento
A Fundación Xosé Neira Vilas celebrou este martes na
localidade de Gres, no concello pontevedrés de Vila de Cruces, un emotivo acto
para conmemorar o cuarto aniversario do pasamento do autor, falecido o 27 de
novembro de 2015.
Os actos comezaron cunha ofrenda floral no cemiterio de
Gres, onde repousan os restos do autor e da súa muller, Anisia Miranda. Entre
os asistentes estaban un grupo de alumnas e alumnos do CEIP do Foxo (A
Estrada), o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; Fernando
Redondo Neira, da Fundación Xosé Neira Vilas e Antonio Couto da editorial
Bolanda, que presentou unha nova biografía do autor destinada, precisamente, a
que as novas xeracións, coñezan a figura
do autor.
O libro Xosé Neira Vilas. Vida e obra inclúe unha
revisión áxil pero completa pola figura de Neira pero tamén un amplo álbum
fotográfico que permite non só achegarse á figura do autor senón a varios
escenarios históricos das últimas décadas, que suporán todo un descubrimento
para os máis novos. “A de Neira é unha obra que percorre a segunda metade do
século XX e as dúas primeiras décadas do XXI, mais aquilo que escribiu segue a
falar de nós e da realidade que habitamos”, explica Fernando Redondo Neira no
prólogo do libro.
Audiocontos
para coñecer a tradición oral dos cinco continentes
A
publicación inclúe ademais un código que permite descargar outra obra senlleira
do autor, Contos vellos para rapaces novos, en formato audiolibro. O primeiro
conto puido escoitarse esta mañá na Fundación, onde tamén tivo lugar unha
pequena representación teatral a cargo das nenas e nenos do colexio estradense.
O editor Antonio Couto explicou que o formato de audio para a obra que reeditou
Bolanda tan só uns meses despois do pasamento do autor “é a mellor homenaxe que
se lle pode facer a Pepe Neira no aniversario do seu pasamento pero tamén a
mellor forma de achegar ás novas xeracións a súa obra sen desvirtuar a
orixinal, posto que os contos recompilados por Neira Vilas neste libro son,
xustamente, historias que foron pasando de xeración en xeración –en moitos
casos durante séculos– a través da tradición oral”.