Música urbana e en galego do dúo Verto

Atardecer no Gaiás -o ciclo de concertos de balde e ao solpor da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura- apostará pola músicas urbanas e en galego do dúo compostelán Verto para musicar o solpor de mañá e para o que xa están todas as entradas-convites esgotadas.

Precisamente, o protocolo de seguridade sanitaria esixe que nesta edición haxa que reservar praza -limitada a 180 persoas por concerto e con posibilidade de ser dobre para conviventes- na páxina web da Cidade da Cultura de Galicia , e que sexa obrigatorio acudir coa máscara de protección. Os concertos estanse a celebrar ás 21,00 horas os xoves ata o 3 de setembro, e neles está garantida a distancia social cun control de acceso e saída e colocación de pufs, que se disporán na Praza Central da Cidade da Cultura.

Este é o segundo concerto do ciclo e, tanto a primeira actuación do músico vigués Fon Román, coma a deste xoves de Verto e o seguinte da cantante Xoana, esgotaron as entradas o mesmo día en que se abriu a inscrición. A reserva de praza para o resto de actuacións dos xoves de agosto e setembro -Guadi Galego, Quinteto Nós, dani, Budiño e Son Trío- abrirase a finais de xullo.

VERTO

O dúo compostelán Verto será o encargado mañá xoves de poñerlle banda sonora a posta de Sol no Gaiás. A pesar de levar pouco tempo en escena, conseguiron que o trap retranqueiro do seu tema Oie gayego se coase entre os temas máis reproducidos en Galicia na plataforma de música en liña Spotify.

Ritmos urbanos e de baile cun abano de letras que van desde a crítica e o humor acedo do seu hit; ao repertorio íntimo de temas, como Algo que non sexa; ou máis a carón da actualidade recente, como o confinamento pola pandemia e que se reflicte no tema Pegadiño a ti.

A voz poderosa coma unha diva soul de Xoana será a encargada de pechar os concertos de xullo do ciclo. A cantante do Porriño traerá a Atardecer no Gaiás a súas letras reivindicativas -escritas pola súa nai- ás que viste nunha variedade de xéneros que van desde o rock, ao funk e ao jazz, cos que pode amosar a forza sublime e a calidade do seu rexistro.

Esta valía levou a que con só 20 anos o seu primeiro traballo Dardos se atopase nas semifinais en sete categorías nos Premios de la Música Independiente (MIN), chegando á final do Mellor Disco en Galego.

AGOSTO

Guadi Galego abrigará a programación de agosto de Atardecer no Gaiás. Trátase dunha das artistas máis relevantes e premiadas da escena galega actual, froito dunha andaina musical que comezou en Berrogüetto como vocalista, pianista e gaiteira e continuou con Espido e Nordestin@s. A súa carreira en solitario tamén está ateigada de éxitos, avalados polo agarimo do público e tamén do gremio, como demostran o Premio Martín Códax en Canción de Autor ou o recente Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado Español, concedido polo seu último traballo Immersión. No Gaiás vaise poder gozar das reinterpretacións dos temas das súa carreira nas sete linguas peninsulares.

Seguiralle o xoves día 13 a actuación de Quintento Nós, agrupación liderada por Marcos Teira, virtuoso guitarrista galego namorado do flamenco, estilo co que tingue todos os paus e co que ten actuado por case todos os recunchos do planeta. Premio Martín Códax ao mellor proxecto co traballo Músicas del Mundo, no Gaiás ofrecerá un selecto repertorio de adaptacións a este xénero de temas de jazz e de rock. Trátase dun traballo colectivo no que participan Moisés Fernández, ao caixón; Alfonso Calvo, ao contrabaixo; Ton Risco, ao vibráfono; e Isaías Salazar, no baile.

Atardecer no Gaiás 2020 tamén mantén como sinal de identidade o de ser plataforma de artistas emerxentes, tal como é o caso de dani, intérprete e compositora nada en Vigo fai 22 anos no seo dunha familia musical: os seus pais son Rosa Costas e Silvino Díaz, dous dos membros do mítico grupo Aerolíneas Federales. No seu repertorio, recolle o legado de toda a tradición da música popular que recibiu desde pequena de Robert Johnson a Rufus Wainwright, de Beach Boys a Oasis ou de New Order a Charli XCX e Joe Crepúsculo, enriquecido cos seus estudos no Conservatorio Profesional.

PECHE DE CICLO

Budiño será o encargado de ir despedindo Atardecer no Gaiás 2020. O músico de Cangas presentará na Praza Central da Cidade da Cultura o seu último traballo, Fulgor. Nel racha con seis anos de silencio dándolle protagonismo a súa voz e cun disco indie, tras dúas décadas centrado na gaita, na frauta e na música tradicional. O público do Gaiás será testemuña da súa reinvención, tal e como el mesmo a define, a través de dez cancións orixinais, compostas, producidas e cantadas por el mesmo.

A expresiva voz de Su Garrido Pombo, as composicións ao piano de Katerina Linke e a arte de Susanna Blanco ao violoncello resoarán na Praza Central do Gaiás o 3 de setembro como alfinete a esta edición de 2020. Estas tres músicas únense en Son Trío para ofrecer un repertorio de melodías de clásica, jazz ou folk, integramente en galego, no que ademais de musicar a Celso Emilio Ferreiro ou Rosalía de Castro, entre outros, ofrecen versións propias de cancións populares galegas.