La música une al Rosal: la coral local celebra 20 años de historia
A Coral da Agrupación Musical do Rosal está de aniversario. Este sábado 9 de novembro, a agrupación celebra dúas décadas de música e emocións compartidas cun concerto especial no auditorio municipal, ás 20:00 horas. Un evento que promete ser un dos momentos máis destacados do ano para os veciños e veciñas do Rosal.
“Celebrar 20 anos de vida da nosa coral non é só unha homenaxe á música, senón tamén ao esforzo, á unión e á paixón coa que tantos veciños e veciñas contribuíron á cultura do Rosal ao longo destas dúas décadas”, sinalou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, que convidou á veciñanza a participar no evento.
O concerto contará cunha actuación especial do Coro Gospel Vida de Vigo, que, coas súas máis de 60 voces e a acompañamento dunha banda musical, levará ao público do Rosal á maxia do gospel, un xénero pouco habitual na comarca. Despois da intervención do coro vigués, a Coral da Agrupación Musical do Rosal, baixo a dirección de Toño Santos, sorprenderá aos asistentes cun espectáculo que se espera vibrante e emotivo.
As entradas para o concerto xa están dispoñibles. Os socios da Agrupación Musical do Rosal poden adquirir as súas entradas a un prezo reducido de 3€, cun máximo de dúas entradas por socio, que deben retirarse na oficina da agrupación. Para o público xeral, as entradas estarán á venda por 4€ nas mesmas oficinas ou en Milar Telesón O Rosal.
A alcaldesa tamén animou a todos os rosaleiros e rosaleiras a aproveitar a ocasión para gozar dunha tarde de lecer en familia. “Será unha oportunidade única para escoitar música de calidade e gozar dun programa cultural pensado para todos os públicos e gustos neste outono", destacou Fernández Callís.
A cita, sen dúbida, será unha celebración da música, da comunidade e do espírito cultural que caracteriza ao Rosal.