O Museo de Belas Artes da Coruña amosa a colección de 22 obras do pintor Tomás Barros Pardo

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude asistiu hoxe á presentación da exposición temporal Tomás Barros. Doazón.
Tratáse dunha colección composta de sete óleos, catro debuxos realizados en ceras de cores sobre papel, unha acuarela e dez gravados coa técnica de linografía que completan a representación deste artista na colección do Museo de Belas Artes da Coruña.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe na presentación da doazón á Xunta de Galicia de 22 obras do pintor Tomás Barros Pardo, realizada polos seus fillos Araceli e Tomás Barros Caro, con destino ao Museo de Belas Artes da Coruña. Neste acto tamén estivo presente o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

López Campos explicou que se trata dunha colección composta de sete óleos, catro debuxos realizados en ceras de cores sobre papel, unha acuarela e dez gravados coa técnica de linografía que completan a representación deste artista na colección do Museo de Belas Artes da Coruña. A exposición temporal estará aberta ao público ata o 15 de setembro deste ano.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude salientou que estas obras permiten coñecer a súa faciana artística como pintor e gravador, ao tempo que lembrou que a obra plástica de Tomás Barros Pardo está moi vencellada á creación intelectual que desenvolveu en disciplinas como o teatro, a poesía, o ensaio, os estudos de estética e de pensamento.

O ARTISTA

De pais galegos, nace en Toledo, aos sete anos volve a Galicia e instálase coa familia en Ferrol. Na súa adolescencia séntese atraído pola pintura e recibe clases do pintor ferrolán Felipe Bello Piñeiro, cursa estudos de maxisterio e exerce como mestre nacional en varias escolas. 

Máis tarde, en 1947 trasládase a Madrid para estudar belas artes na Escola de San Fernando, e licénciase en 1951. É nesta época cando abandona a pintura realista e entra en contacto coa corrente expresionista europea coa que sente afinidade non só no aspecto formal senón tamén polos seus contidos sociais. É tamén a época en que empeza a escribir as súas primeiras novelas e a interesarse pola filosofía, o ensaio e a literatura.

Volve a Galicia, e en Ferrol traballa como profesor de debuxo de ensino medio e funda en 1952, con outros poetas, a revista cultural Aturuxo, que ilustrarían o seu primo Isaac Díaz Pardo e Ricardo Segura Torrella. Posteriormente no ano 1959 traslada a súa residencia á Coruña, cidade na cal desenvolverá durante case trinta anos unha ampla tarefa docente no ensino medio e universitario que compaxinou coa creación artística e intelectual.

Artisticamente, como froito da súa procura dun estilo persoal, as súas obras terán como fundamento as vangardas analíticas (cubismo e futurismo) e a corrente expresionista. 

Barros estivo vinculado estreitamente ao ambiente cultural da Coruña, pola súa condición de docente e polo labor creativo desenvolto, como a fundación en 1975 con Luz Pozo da revista de poesía e crítica Nordés, con Luís Seoane como ilustrador e na cal colaboraron moitos poetas da época.

Foi nomeado membro correspondente da Real Academia Galega en 1980 e membro de número da Academia Galega de Belas Artes en 1986, na cal non ingresou formalmente debido ao seu falecemento en setembro dese mesmo ano.