A mostra ‘A cidade de Ourense nos seus documentos’ retrata a vida urbana desde a Idade Media ata o século XX

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, inauguran a exposición no Arquivo Histórico Provincial.
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, inauguraron hoxe no Arquivo Histórico Provincial de Ourense a mostra A cidade de Ourense nos seus documentos, un viaxe polo pasado da cidade das burgas desde a Idade Media ata o século XX.

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, inauguraron hoxe no Arquivo Histórico Provincial de Ourense a mostra A cidade de Ourense nos seus documentos, un viaxe polo pasado da cidade das burgas desde a Idade Media ata o século XX.

Esta exposición, de produción propia, fai un percorrido pola historia da cidade de Ourense a través de documentos orixinais conservados no Arquivo Histórico Provincial, así como fotografías en paneis e dispositivos electrónicos procedentes doutros centros culturais e de particulares. Entre as institucións colaboradoras atópanse o Arquivo da Catedral de Ourense, a Biblioteca da Deputación de Ourense, a Fundación Cidade da Cultura, Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia, a Coral de Ruada, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense e o Museo Etnolóxico de Ribadavia.

“Este traballo é unha gran oportunidade para coñecer moitas curiosidades de Ourense desde a Idade Media”, salientou Anxo M. Lorenzo. “Un percorrido a través de numerosos documentos pola vida social, económica e cultural da cidade das burgas que nos axuda a entender a súa configuración na actualidade”, engadiu.

A mostra estruturase en oito seccións nas que se abordan os aspectos máis importantes da vida urbana ao longo do tempo, como son o goberno, a sociedade, a economía, o urbanismo, as festas, os espectáculos, a relixión e as manifestacións culturais. Un total de 63 documentos orixinais que levan ao espectador a coñecer a historia desta cidade galega.

ELEMENTOS SINGULARES

Entre os elementos máis singulares desta serie de documentos, atópanse a confirmación por parte de Henrique III dun privilexio de Xoán I no que se concede o portádego da ponte de Ourense a Pedro Ruíz Sarmiento (ano 1441), a confirmación por parte de Pedro I dun privilexio de Fernando IV no que exime de impostos aos taberneiros da cidade que compren o viño de Ourense (1353) ou os planos da Porta da Aira en 1616, o da Ponte Vella en 1738 e o do proxecto para o xardín do Posío no ano 1854.

O representante da Consellería de Cultura aproveitou a inauguración de A cidade de Ourense nos seus documentos para animar a todos os ourensáns e a aqueles interesados en coñecer o pasado da cidade a que se acheguen ao Arquivo Histórico, onde estará dispoñible a mostra ata o 23 de febreiro de 2024.