O MICE aborda nesta edición unha fonda mirada feminina
A presentación oficial da programación desta décimo novena edición tivo lugar este mércores, coa presenza da directora da MICE, Ana Estévez Lavandeira; a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada; a autora da imaxe e da peza de autor da 19 MICE, Sabela Souto; a concelleira responsable de Capital Cultural de Santiago de Compostela, Míriam Louzao Fernández; o deputado provincial da Coruña Xosé Luis Penas Corral; e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil.
A presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego agradeceu "a colaboración das institucións que a fan posible co seu soporte financeiro”. Pola súa banda, o representante da Xunta, quen puxo en valor o gran momento que está a vivir o audiovisual galego, tamén no ámbito dos festivais, destacou a “profesionalidade, a calidade dos contidos e a especialización nun cinema etnográfico, que fai que este sexa un festival único en Galicia e que outros certames o teñan imitado no conxunto de España”. Na mesma liña se manifestou o deputado provincial da Coruña, Xosé Luis Penas Corral, quen subliñou que festivais como a MICE son cruciais á hora de “poñer en valor o que somos e o que significan a nosa cultura a nosa historia” porque diso trata este cinema especializado que relata “historias comúns que trascenden o noso territorio”.
A concelleira da Capital Cultural expresou o “orgullo de que Compostela sexa a cidade anfitrioa da MICE”, un festival que “reserva espazos para a reflexión e para o diálogo, sempre coa etnografía como eixo”. Míriam Louzao Fernández puxo en valor tamén a temática escollida para esta edición. “Nun momento de constante ruído mediático, é moi de agradecer contar con estes espazos que permitan unha perspectiva critica co poder que xoga o político, porque é importante saber de onde vimos para situarmonos no presente e poñer en valor a boa política”, apuntou.
PEZA DE AUTORA
Coa ollada do cinema etnográfico sobre o político artellando toda a programación, a peza que acompaña esta 19 MICE e a imaxe gráfica derivada dela teñen autoría feminina. A cineasta Sabela Souto é a artífice dun audiovisual que parte dun traballo previo sobre a primeira cooperativa dedicada ao textil na comarca de Verín, asentada na aldea da Pousa (Monterrei) e no que políticas laborais, feminismo e tradición conflúen na memoria industrial sobre as mulleres. “A peza procura reflictir a importancia dunha industria textil que permitiu, en moitas familias, que as mulleres fosen un pilar fundamental tanto nos coidados como aportando capital á economía familiar”, explicou.
Outra muller será tamén a protagonista da sesión inaugural da MICE. O mércores, 20 de marzo, ás 20 horas, o Teatro Principal acollerá a estrea de 586 cantos. O proxecto, impulsado polo Festival, será unha homenaxe ao legado da etnomusicóloga suíza falecida en 2023 Dorothé Schubarth, e o seu labor de antropoloxía audiovisual, razón de ser da MICE. O punto de partida é o valiosísimo material de arquivo depositado no Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego, coas gravacións sonoras, fotografías, transcricións de textos e partituras procedentes do traballo de campo levado a cabo en Galicia entre os anos 1979 e 1984 por Schubarth, coa colaboración de Antón Santamarina, e que foron a base do Cancioneiro Popular Galego. No musical, a posta en escena no Teatro Principal contará co traballo de Richi Casás, quen edificou a súa traxectoria artística nas gravacións que Dorothé Schubarth recolleu na casa da súa avoa Rosa. Sobre esa herdanza, o saxofonista elaborou unha novidosa proposta na que conflúen as pandeiretas, o jazz e os ritmos latinos. El, xunto a Frank Barcia, Tania Caamaño e Antía Ameixeiras, serán os responsables dunha actuación musical que se sincronizará en directo coa montaxe visual que realizarán para a MICE Laura Piñeiro e Fran Rodríguez Casal, cineastas novísimos que forman parte da Asociación Memoria e Cinema.