Mazaricos acollerá o IV Día de Loita da Veciñanza Comuneira na defensa das terras comunitarias
O Instituto Galego das Terras Comunitarias (INGATECO) organiza a IV Edición do Día de Loita da Veciñanza Comuneira, que se celebrará o 18 de xaneiro de 2025 na parroquia de Eirón, no Concello de Mazaricos.
Con este acto, lémbranse as múltiples loitas dos labregos e labregas galegas desde que, nos anos 40, a ditadura franquista usurpou as súas terras para levar adiante o Plan Nacional de Repoboacións.
As terras comunitarias eran a base da economía agrogandeira e o sustento de miles de familias. En toda Galicia xurdiron mobilizacións de carácter local que foron reprimidas con fortes sancións, xuízos, cárcere, feridos e mesmo mortes.
Moitas familias sufriron as consecuencias desta represión, polo que se considera fundamental un recoñecemento que forme parte da memoria colectiva, constituíndo unha débeda pendente do Estado.
En Eirón, Mazaricos, como consecuencia da intervención da Garda Civil contra os veciños e veciñas que defendían as súas terras, foi asasinado o 22 de xaneiro de 1963 José Esperante París, coñecido como "O Ché de Pedro". Ademais, outras tres persoas resultaron feridas e varias foron detidas. Por iso, considérase que este lugar e estes feitos simbolizan todas as loitas da veciñanza comuneira de Galicia.
O Instituto Galego das Terras Comunitarias fai un chamamento á sociedade galega para que apoie este acto, como forma de recoñecer a dignidade dos nosos antepasados na defensa da terra como parte esencial da vida.