O MARCO conmemora o 75º aniversario da morte de Castelao cunhas xornadas de debate
A primeira intervención decorrerá o 14 de xaneiro e contará coa presenza de María Pilar García Negro, profesora honoraria da Universidade da Coruña e autora de obras sobre o pensamento e a obra de Castelao, e Xosé Carlos López Bernárdez, historiador da arte e coñecedor da obra artística do polifacético rianxeiro.
Ana Acuña, doutora en Filoloxía Galega e profesora da Universidade de Vigo, autora de diversos traballos sobre Castelao na literatura galega, intervirá o 23 de xaneiro, ao igual que Quico da Silva, ilustrador, autor de banda deseñada e humorista gráfico, quen tamén analizou a obra de Castelao como debuxante.
O 28 de xaneiro pecharanse as xornadas con Monse Fajardo, autora da biografía de Virxinia Pereira, e Ángeles Tilve, directora do Museo de Pontevedra, quen identificou en 2016 os orixinais do álbum Nós, aparecidos na casa da familia Domínguez Lino.
As actividades están coordinadas polo xornalista, escritor e crítico de arte Ramón Rozas.