Manuel F. Rodríguez presenta 'A muller do muro' en Santiago de Compostela

Manuel F. Rodríguez.
A libraría Couceiro acolle a presentación de 'A muller do muro', a nova novela de Manuel F. Rodríguez, un thriller que combina cultura galega do alén e ciencia. O autor estará acompañado por Suso de Toro e Antonio Couto nun acto que promete explorar os misterios da morte e o máis alá.

A libraría Couceiro de Santiago de Compostela acollerá este mércores, día 5, a partir das 19:30 horas, a presentación da novela "A muller do muro", escrita polo xornalista Manuel F. Rodríguez e que vén de publicar a editorial Bolanda. Ademais do autor, participarán no acto o escritor compostelán Suso de Toro e o editor Antonio Couto.

A trama da novela combina a cultura galega do alén coas máis recentes teorías e investigacións científicas e paracientíficas sobre determinados fenómenos inexplicables. Como o seu autor avanza, trátase dunha obra de acción á caza do máis absoluto dos misterios: o da morte e o máis alá dela. A novela, de 312 páxinas, ten como protagonista principal un xornalista, Xenebrando Río, que, unha determinada mañá, vive un feito inesperado por completo. Un feito que nin comprende nin desexa en absoluto e que, menos aínda, pode aceptar. Pero, como avanza a contraportada do libro, Río iniciará un frenético camiño sen retorno.

"A muller do muro" sae á rúa cun innovador deseño de Sebas Pazos que inclúe, entre outras solucións de esmerada calidade, unha tipografía especificamente galega creada por Marcos Dopico.

 "A muller do muro", a nova novela de
Manuel F. Rodríguez, un thriller que
combina cultura galega do alén e ciencia.

Esta é a segunda novela de Manuel F. Rodríguez. A primeira, "A viaxe á fin do mundo" editada en 2017 tamén por Bolanda, parte do roubo, en 1906 na catedral de Santiago, da cruz grega de Afonso III o Magno, que os peregrinos de media Europa adoraran durante séculos. Tras a repercusión obtida pola edición en galego, esta novela publicouna en 2023, en castelán, a editorial madrileña Evohé.

Manuel F. Rodríguez ten en Bolanda outras obras. Entre elas, a guía histórica da Compostela xacobea, "Santiago de Compostela para os peregrinos", da que se prepara unha nova edición na súa versión en español, e "La Gran Enciclopedia del Camino de Santiago. Diccionario de la cultura jacobea" (2010), obra en 18 tomos con tres mil entradas da que foi director e autor principal. Esta enciclopedia, pendente de actualización, pode consultarse en internet, con acceso libre, como Xacopedia. Polo seu labor de investigación e divulgación do Camiño de Santiago, Rodríguez leva recibido distintos recoñecementos en Galicia e no exterior, entre eles, o prestixioso Premio Internacional Aymeric Picaud.