Máis de 22 millóns de euros nunha década para mellorar as bibliotecas escolares galegas

O titular da Xunta participou este mediodía nos actos de celebración do 175 aniversario do IES Arcebispo Xelmírez I.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que, na aposta por ofrecer unha educación pública de calidade e con máis oportunidades, a Xunta leva investidos máis de 22 millóns de euros nunha década para mellorar as bibliotecas escolares, elementos fundamentais dos centros e aceleradoras de innovación.

Durante os actos de celebración do 175 aniversario do IES Arcebispo Xelmírez I, Feijóo explicou que este investimento desenvólvese a través do Plan de mellora de bibliotecas escolares -Plambe-, do que forman parte, neste momento, 711 centros, fronte aos 299 que o compoñían no curso 2009-2010.

Esta iniciativa fai posible que o 73% dos alumnos dos centros públicos se estean xa a beneficiar das melloras acometidas grazas a este plan que, á súa vez, intégrase dentro do plan LÍA 2016-2020, para dotar os centros de bibliotecas escolares útiles, sustentables e acorde coas necesidades do século XXI.

Como proba da utilidade da mellora das bibliotecas escolares, o titular do Executivo autonómico salientou que o 96% do alumnado destes centros fai uso cotián da biblioteca para a aprendizaxe; e o 94% destas bibliotecas teñen integradas as TIC nas súas actividades.

Así mesmo, recordou que o Plan LÍA está a promover outros obxectivos neste eido como estender a rede de colaboración das bibliotecas con outros axentes sociais e tamén para implicar ás familias. “E, entre os retos tamén se atopa o de ofrecer experiencias lectoras, como son os Clubs de lectura que funcionan en 267 centros, entre eles este mesmo”, dixo, en alusión ao IES Arcebispo Xelmírez I.

CADA VEZ MÁIS FERRAMENTAS

O presidente da Xunta aproveitou o acto para agradecer ao alumnado galego e a todos os profesionais da Educación pública galega a súa implicación e traballo para acadar un modelo de calidade, como así o referendan os últimos datos PISA, que sitúan Galicia á cabeza de España en competencia científica e nos primeiros postos en matemáticas, e en ambas competencias por riba da media da UE e da OCDE.

Ademais, Galicia continúa a ser a día de hoxe a comunidade máis inclusiva do Estado, co case 93% de alumnado con necesidades específicas de apoio educativo escolarizado en centros ordinarios; este curso escolar hai preto de 4.000 profesionais dedicados á atención á diversidade, nos centros escolares galegos; e, nos últimos tempos diminuíu o dato de abandono escolar: un 14,3%, fronte a un 26% en 2009.

Para acadar estes obxectivos, salientou que Galicia conta con ferramentas como a aposta por reforzar as competencias STEM. E, conscientes do papel clave do profesorado no ensino, referiuse ás melloras continuas que se están a levar a cabo como unha maior estabilidade a través das OPE.

Por último, e co fin de recoñecer a traxectoria dos institutos históricos de Galicia, Feijóo recordou que se está a elaborar un decreto que permitirá a incorporación de novos centros nesta cualificación como as escolas de fundación, e especialmente as americanas coa diáspora como signo de identidade.