Luz Pozo Garza, muller polifacética e a primeira galega en ser proposta para un Premio Nobel
O director xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe no Gaiás, no Día Internacional dos Arquivos, a exposición Constelación Luz. Luz Pozo Garza (1922-2022), poesía, arte e vida, unha das actividades principais coas que o Goberno autonómico celebra o centenario do nacemento dunha das poetas galegas máis destacadas do século XX.
A mostra, que poderá visitarse no vestíbulo do Arquivo e Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, ata o 17 de outubro, pretende difundir o legado deixado por Luz Pozo Garza, unha muller polifacética que foi a primeira galega en ser proposta para un Premio Nobel, membro da Real Academia Galega, promotora e directora de revistas literarias e profesora de Lingua e Literatura española no ensino secundario.
O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, salienta “o gran privilexio que supón que a propia Luz Pozo Garza decidira que o seu rico arquivo e biblioteca quedara custodiada pola Xunta de Galicia desde 2016, podendo organizar exposicións como esta coa que tamén celebramos hoxe o Día Internacional dos Arquivos”
Comisariada por Olivia Rodríguez, profesora titular da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, a exposición reúne ao redor de 100 pezas, procedentes fundamentalmente do fondo documental e bibliográfico doado pola propia poeta en 2016 ao Arquivo e Biblioteca de Galicia.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidade fixo fincapé neste feito, salientando “o gran privilexio que supón que unha poeta tan recoñecida como Luz Pozo Garza decidira en vida que o seu rico arquivo e biblioteca quedara custodiada pola Xunta de Galicia, permitíndonos mostrar o seu legado ao público, como facemos organizando esta mostra coa que celebramos, ademais do centenario do seu nacemento, o Día Internacional dos Arquivos”.
CORRESPONDENCIA PERSOAL
O discurso expositivo de Constelación Luz. Luz Pozo Garza (1922-2022), poesía, arte e vida discorre ao longo de dez vitrinas onde se amosan documentos acompañados de paneis onde se recollen poemas e unha narración cronolóxica para contextualizar a traxectoria vital e artística da autora.
A mostra reúne ao redor de 100 pezas entre documentos, libros, revistas, colaxes ou debuxos, que se completan con outros recursos audiovisuais. Entre as obras atópanse as cartas persoais de figuras destacadas da literatura española e galega como Vicente Aleixandre e Ramón Otero Pedrayo, ou os borradores orixinais das súas creacións.
A mostra ‘Constelación Luz. Luz Pozo Garza (1922-2022), poesía, arte e vida’, que pode visitarse ata outubro no Gaiás, é unha das actividades principais programadas polo Goberno galego polo centenario do nacemento da autora
Ao fondo documental do Arquivo e Biblioteca de Galicia, doado por Luz Pozo Garza, hai que sumar nesta exposición as pezas procedentes doutras persoas particulares e de institucións públicas e privadas como a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega ou a Fundación Manuel María, entre outras.
No acto tamén participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e estiveron acompañados pola subdirectora xeral de Arquivos e Museos, Mª Carmen Calviño; Olivia Rodríguez, comisaria da exposición, e Gonzalo Vázquez, en representación da familia da homenaxeada.
SEMANA INTERNACIONAL DOS ARQUIVOS
Cada 9 de xuño celébrase en todo o mundo o Día Internacional dos Arquivos para conmemorar a creación nesa data do Consello Internacional de Arquivos. Esta organización non gobernamental, fundada baixo os auspicios da UNESCO, promove a conservación e uso dos arquivos en todo o mundo.
Con motivo desta celebración, a Xunta, ademais de inaugurar a exposición no Arquivo de Galicia, organiza nesta semana unha programación con máis dunha decena de actividades nas sedes do Arquivo do Reino de Galicia, o Arquivo Histórico Provincial de Lugo, o Arquivo Histórico Provincial de Ourense e o Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra.
Entre as cen pezas da exposición amósanse cartas de figuras destacadas da literatura española e galega como Vicente Aleixandre ou Otero Pedrayo e borradores das súa obra literaria, ademais de revistas, libros ou debuxos
Ademais, o Arquivo de Galicia organiza o 21 de xuño, no Auditorio Neira Vilas, na Cidade da Cultura, unha xornada que afonda na figura de Luz Pozo Garza cunha conferencia a cargo de Xesús Alonso Montero, catedrático de Literatura Galega, e unha mesa redonda na que participan Olivia Rodríguez, profesora de Filoloxía; Xosé María Álvarez Cáccamo, escritor, e Claudio Rodríguez Fer, poeta.
A asistencia a esta xornada é de balde, previa inscrición na web cidadedacultura.gal.