Lugar A Ponte. Así se chama o segundo álbum de Caldo, o trío conformado por María Jorge, Anaïs Barbier e Pedro Fariñas. O novo traballo discográfico do grupo, que verá a luz o vindeiro 12 de maio, é unha proposta moderna, íntima e potente, ateigada de honestidade e de responsabilidade tanto coa tradición coma con elas mesmas. Un disco profundo e persoal no que comezaron a traballar desde o confinamento e que foron perfilando ata acadar, tres anos despois, un álbum que leva por nome o fogar onde o propio Caldo agromou: o Lugar A Ponte, na comarca do Val Miñor.
Producido e gravado man a man con Alberto Cernadas (crnds), con Lugar A Ponte Caldo avanza na procura e experimentación do seu universo creativo para incorporar novas texturas e atmósferas á súa sonoridade, mais sen renunciar á súa identidade, que agroma e bebe da tradición, e incluíndo gravacións ao directo coma nos seus inicios. Así, o produtor e instrumentista acompañou ás creadoras nun longo proceso no que se deixaron levar e integraron novas capas, á vez que procuraban estéticas marcadas para definir esta nova etapa, máis madura, honesta e cavilada. Alén do salto na produción -desde o primeiro álbum, Caldo, gravado ao vivo-, outra das principais novidades con respecto daquel disco homónimo é que, alén da intervención ou adaptación de letras tradicionais, Caldo suma, en moitos temas, lírica propia. Textos coidados e asinados por Anaïs Barbier, que se xuntan a outros que o trío reinterpreta para narrar, neste Lugar A Ponte, as historias ou episodios que conforman un álbum que fala, dalgún xeito, das sensacións dentro do fogar, dese lugar ou núcleo que se constrúe paseniño, da man da contorna próxima e querida.
Logo da estrea o pasado día 21 do sinxelo O que fomos, un tema que resulta sorprendente para o público ao rachar coa sonoridade habitual do grupo, e no que se pode vislumbrar as novas capas e texturas sonoras que acompañan o disco, este venres 28 Caldo dará a coñecer o segundo avance de Lugar A Ponte, nomeado Cáncaro d’abril. Trátase da muiñeira que abrirá o disco, e a súa melodía é un arranxo dunha ribeirana da aña de Gargamala, recollida por Xandre Outeiro e Guillerme Ignacio Costa ás informantes María e Lola da Coruñesa (Lugar do Barral), Carme de Marecelina, Rosa de Lisa e Lola do Coxo (Lugar do Barro).
O tema estará dispoñible desde as 00:00 horas do venres 28 nas principais plataformas dixitais. Coma xa aconteceu no primeiro sinxelo do álbum, Cáncaro d’abril tamén conta cunha portada ilustrada por Marte Martinka. Desta imaxe partirá tamén o vídeo propio do sinxelo, ateigado de ‘loops’ que xogan e dan vida aos elementos da ilustración concebida por Martinka.
CALDO
María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandeireta) e Pedro Fariñas (guitarra e gaita) son Caldo, un trío que achega a música tradicional a contextos sonoros contemporáneos a través da experimentación cos propios instrumentos. Premiadas co galardón ao Mellor proxecto de música folk nos Premios Martín Códax da Música (2020) e gañadoras do concurso Fran Pérez ‘Narf’ da Deputación da Coruña (2020), as creadoras de Caldo integran melodías tradicionais galegas e composicións propias con influencias das músicas europeas e atlánticas, unha fusión natural que vai directa ao sentir do público.