Kase.O Jazz Magnetism e SonDaRúa,pratos fortes do SonRías Baixas

Sabela abriu esta noite de venres. ROCIO CIBES.

Dous dos pratos fortes máis esperados do SonRías Baixas neste 2021 subiranse mañá sábado, 7 de agosto, ao escenario do Recinto Multiusos da Estacada de Bueu, no Morrazo. SonDaRúa abrirá a penúltima xornada de concertos do ciclo ás 21.00h. Pola súa banda, ás 22.15h, chegaá a queda de Kase.O Jazz Magnetism. Ambos concertos contan con todas as entradas esgotadas desde hai dous meses.  

SonDaRúa | Sábado 7 de agosto, 21.00h

Hugo Guezeta e Álex Arnoso ás voces, e That Bass como DJ, conforman unha das agrupacións con maior proxección do panorama galego. SonDaRúa bebe da ironía e da tradición oral galega para combinalas, con moito atino, co hip hop máis reivindicativo, de crítica social e política. Eterno Combate é o seu primeiro LP, e con el que aterran directos no SonRías Baixas para abrir e remover as mentes do público.

Kase.O | Sábado 7 de agosto, 22.15h

O mítico rapeiro Kase.O, fundador do grupo de hip-hop Violadores del Verso e considerado un dos mellores MCs do rap en español, celebra este 2021 o décimo aniversario do seu proxecto en solitario Jazz Magnetism, un traballo no que o artista se mergulla no mundo do jazz e as súas mesturas co hiphop. A revisión desta proposta estará sobre o escenario do SonRías Baixas o sábado 7 de agosto.

Travis Birds y Iseo Dodosound en el Festival Sonrias Baixas de Bueu. ROCIO CIBES.

O cartel do SonRías

Kase.O, Sés, La M.O.D.A., La Pegatina, Travis Birds, Muerdo, TéCanela, Sabela, Iseo & Dodosound, Ciudad Jara, Tu Otra Bonita e SonDaRúa conforman o cartel deste SonRías Baixas 2021, no que o festival se adapta ao contexto sociosanitario e se transforma nun ciclo de concertos, con dous directos por xornada ateigados do espírito SonRías

Na mañá deste venres 6 de agosto, SonRías Baixas anunciou nas súas redes as últimas 20 entradas dispoñibles para o concerto de despedida desta edición, o domingo 8 de agosto, con Muerdo e La Pegatina. As entradas para este sábado 7, con SonDaRúa e Kase.O Jazz magnetism están esgotadas desde hai dous meses. 


Protocolo covid-19
O ciclo, que cumpre en todo momento a normativa sociosanitaria vixente en Galicia, conta cun protocolo covid-19 propio coordinado polo Servizo Galego de Saúde (Sergas), o  que garante a seguridade do público durante a súa celebración. O Recinto Multiusos da Estacada está dividido en sectores, con equipamentos independentes en cada zona, e con percorridos sinalizados para facilitar o tránsito e garantir as distancias de seguridade. O recinto conta con tres zonas diferenciadas, en función do prezo e da distancia co Escenario Xacobeo 21-22; e cada unha delas está dividida, a súa vez, en sectores que contan con servizos independentes (aseos, barra, zona de recarga da pulseira cashless e punto de merchandising). Estes espazos teñen unha capacidade máxima de 500 persoas. 

Travis Birds y Iseo Dodosound en el Festival Sonrias Baixas de Bueu. ROCIO CIBES.

Os accesos ao recinto están regulados e debidamente indicados. As persoas con entrada xa recibiron nos seus correos electrónicos as indicacións pertinentes sobre como acceder as súas localidades, horarios recomendados e outros consellos, información que tamén se pode consultar no sitio web www.sonriasbaixas.info. Todo o recinto conta con sinalización específica e o persoal da organización é o responsable de indicar ao público o camiño ata os seus respectivos sectores; momento no que lle ofrecen a posibilidade de obter, gratuitamente, as pulseiras cashless, o único sistema de pago válido no interior do recinto. Durante o ciclo de concertos, o público pode recargar o seu saldo desde os seus dispositivos móbiles, mediante uns innovadores tótems distribuídos ao longo do recinto; ou nos puntos de recarga das pulseiras. 

SONRÍAS BAIXAS 2021. AXENDA SÁBADO 7 DE AGOSTO
19.00 horas - Apertura de portas
21.00 horas - SonDaRúa
22.15 horas - Kase.O Jazz Magnetism