A 'Intelixencia Artificial verde' permite que calquera investigador cun ordenador convencional poida realizar investigacións punteiras sen un custo elevado
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Deputación da Coruña, está a celebrar un ciclo de conferencias titulado “Intelixencia Artificial. A electricidade do século XXI?”. As charlas teñen lugar de 17.00 ás 20.30 horas, e tamén poden seguirse por streaming previa inscrición.
A derradeira destas charlas será mañá xoves, 26 de outubro, no Kiosko Alfonso da Coruña. Centrarase na Intelixencia Artificial fiable e sostible. Á presentación da mesma asistirán o tesoureiro da RAGC, José Ramón Cancelo; a concelleira de Innovación, Mobilidade e Infraestruturas do Concello da Coruña, Nereida Canosa; e o coordinador do ciclo, o catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial Senén Barro, académico da RAGC e director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago -CiTIUS-.
IA PODE RESOLVER PROBLEMAS DERIVADOS DO CAMBIO CLIMÁTICO
A xornada comezará coa intervención de Verónica Bolón, profesora titular da Área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña. Abordará a Intelixencia Artificial verde, cara a un futuro sostible. Nesta liña, indica que “nun mundo onde a sostibilidade se converteu nunha prioridade global, a integración da IA na nosa busca dun futuro máis verde e sostible é unha evolución crucial”. Na súa intervención explorará o poder transformador da Intelixencia Artificial no contexto da sostibilidade medioambiental e como esta combinación pode cambiar a forma na que abordamos os desafíos ecolóxicos.
Apunta que o termo “IA verde” ten unha dobre vertente. “Por unha lado, refírese á aplicación de técnicas de IA para tentar resolver problemas derivados do cambio climático, como podería ser a optimización do consumo enerxético. Por outro lado, refírese ao desenvolvemento de algoritmos que son máis inclusivos e respectuosos co medio, non só ao producir resultados novidosos sen aumentar o custo computacional, senón tamén ao garantir que calquera investigador cun ordenador convencional teña a oportunidade de realizar investigacións punteiras sen a necesidade de usar servidores na nube cun elevado custo económico e computacional”.
Bolón sinala que “a investigación típica en Intelixencia artificial -ás veces denominada IAvermella- ten como obxectivo obter resultados de última xeración a costa de utilizar unha potencia computacional masiva, xeralmente mediante o uso dunha enorme cantidade de datos de adestramento e numerosos experimentos”. Así, explica por que o consumo de enerxía dalgúns algoritmos de IA é unha preocupación lexítima. “Os modelos de IA máis grandes e potentes, como as redes neuronais profundas, requiren unha cantidade substancial de enerxía para adestrar e operar. Isto non só ten implicacións de custos, senón que tamén pode contribuír a un aumento das emisións de carbono e ao esgotamento dos recursos enerxéticos finitos” -manifesta-.
A experta achegará ademais as estratexias clave e os avances na procura da "IA verde". Isto inclúe -segundo indica- o desenvolvemento de algoritmos máis eficientes enerxeticamente, a optimización de hardware especializado para tarefas de IA e a adopción de fontes de enerxía renovables para alimentar os centros de datos que executan estes algoritmos.
IA E A PROTECCIÓN DE DATOS
De seguido participará Luis de Salvador, director da División de Innovación Tecnolóxica da Agencia Española de Protección de Datos e líder do Compoñente de Protección Datos no proxecto EU4DigitalUA en Ucraína, no que se traballa en temas como a transformación dixital, a ciberseguridade, a protección de datos ou o desenvolvemento da banda ancha no país. Explicará a IA desde a perspectiva da regulación da protección de datos.
Sinala que “el Reglamento General de Protección de Datos (RGPD) supuso una evolución en cuanto a que el ámbito de aplicación se desplazó de ficheros o datos personales a los tratamientos, adecuándose así a los modernos sistemas de gestión de las organizaciones”. Explica que “no tiene como ámbito material los sistemas, tecnologías o infraestructuras técnicas, en particular, los sistemas de Inteligencia Artificial. Con todo, sistemas de IA, entre otras tecnologías, son medios para implementar tratamientos”.
A REGULACIÓN AUTONÓMICA DA IA
Para concluír, intervirá Julián Cerviño, director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que abordará a regulación autonómica da IA. Sinala que “desde Galicia apostamos desde o primeiro momento por convertérmonos nunha rexión de referencia en IA. Fomos unha das tres primeiras comunidades autónomas en aprobar unha estratexia propia de Intelixencia Artificial e a primeira en elaborar un estudo sobre as necesidades éticas e normativas para a IA, co apoio das universidades a través do Nodo galicIA”. Ademais, destaca que “traballamos para preparar ás nosas institucións, ás nosas empresas e á nosa cidadanía para aproveitar a Intelixencia Artificial. E temos avanzado nun Proxecto de Lei en Intelixencia Artificial para acadar unha regulación única que permita un uso eficaz, eficiente, ético e seguro da IA na Administración Xeral e do sector público autonómico, aliñada co marco europeo”. Cerviño manifesta que a futura lei contribuirá a “aumentar a capacidade para atraer e reter talento e persoal cualificado a Galicia”.
Ao remate da sesión, os asistentes poderán manter un debate cos expertos que participan neste encontro.