Intelixencia Artificial e o seu impacto na sociedade, a industria, a saúde, a educación e o emprego
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Deputación da Coruña, celebra a vindeira semana un ciclo de conferencias baixo o título “Intelixencia Artificial. A electricidade do século XXI?”. As charlas terán lugar do 23 ao 26 de outubro, das 17:00 ás 20:30 horas, e tamén poderán seguirse por streaming previa inscrición.
O ciclo está coordinado polo catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial Senén Barro, académico da RAGC e director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago -CiTIUS-. Lembra que Andrew Ng, profesor na Universidade de Stanford e un dos maiores expertos en aprendizaxe automática, comentou nunha ocasión que “do mesmo xeito que a electricidade transformou case todo hai un século, hoxe en día fáiseme difícil imaxinar unha industria que non sexa transformada pola Intelixencia Artificial nos vindeiros anos”. “Neste sentido, considera a IA como a electricidade do noso século. Aínda que esta é unha frase esaxerada, non cabe dúbida de que vai camiño de ser unha das tecnoloxías máis transformadoras da economía e da sociedade, senón a que máis” -salienta Barro-.
Senén Barro manifesta que “a súa transcendencia e a súa crecente influencia nas nosas vidas persoais e profesionais fan necesarios todos os esforzos por informar, formar e reflexionar sobre a Intelixencia Artificial e facelo desde unha visión o máis ampla posible. Así, cómpre abordar aspectos como o estado da investigación e o desenvolvemento deste ámbito científico-tecnolóxico; o impacto nalgúns dos temas que nos resultan máis sensibles como a educación, a saúde ou o emprego, neste caso claramente afectado pola automatización intelixente; a transformación e innovación intelixentes na industria; e, por suposto, a denominada IA fiable, pola que aposta a UE, e España moi especialmente, como se puxo de manifesto recentemente coa creación da Agencia Estatal de Supervisión de la IA (AESIA)”. Todos estes temas trataranse nestas xornadas a través do coñecemento e a visión dun bo número de expertos, en particular investigadores, profesores, empresas e institucións do ámbito galego, nacional e europeo.
O ciclo diríxese a todo o público interesado na Intelixencia Artificial e no seu impacto social, económico, ético, laboral..., sen necesidade de que sexa especialista neste eido. Buscarase ademais a participación activa dos asistentes durante as diferentes sesións, en particular durante o debate que pechará cada xornada.
As dúas primeiras sesións celebraranse os días 23 e 24 de outubro en Santiago, na sede da Confederación de Empresarios de Galicia (Rúa do Vilar). O día 25 o ciclo trasladarase ao salón de actos do Campus de Ferrol. E pecharase o 26 no Kiosko Alfonso da Coruña.
O prazo de inscrición para participar gratuitamente en todas as conferencias, de xeito presencial ou en liña, xa está aberto: https://forms.gle/vfu43GLQmemwFoXj9