'Indicios', de Bosco Caride
Indicios, xira ao redor de un só e único motivo: estados atmosféricos ou gasosos (nubes, fume, vapores...) que se presentan sen ningunha referencia espacial ou contexto. Para o artista, Bosco Caride, este tema é unha afirmación da pintura e relaciónase coa grande tradición da paisaxe. Turner, Constable, por citar os pioneiros, que ao igual que xeracións posteriores e os impresionistas, inspiráronse nas nubes e descubriron nelas unha dimensión plástica. En efecto, o artista de Vigo, traballa coidadosamente estes “estados atmosféricos ou gasosos” en tanto que composición, veladuras, cor... á fin e ao cabo, como especulación formal ou pictórica, que é un dos aspectos máis sobresaíntes da súa obra.
O título da exposición, Indicios, literalmente “sinal de algo”, “índice”, introduce a idea de “algo” máis ca un simple formalismo ou unha expresión abstracta. Este algo non é visible e está oculto no cadro –ou fóra del–, pero é a causa real do “fume”, que non é outra que a explosión, o drama, o conflito, a contaminación... En definitiva, existe unha dimensión simbólica, talvez política, que dá sentido e sobrevoa a obra de Bosco Caride.
Trátase dunha obra aberta que posúe moitos niveis de lectura porque os seus “efectos atmosféricos ou gasosos”, como a noite ou as néboas do norte para os románticos, non son unha ausencia, senón unha produción de sentido: é o mundo da suxestión ou a chave da imaxinación. Pero por riba de todo, por esta mesma razón, Bosco Caride responde á idea da arte como contemplación. El identifícase cunha tradición contemporánea que, aínda que con diferentes sensibilidades, entende a pintura como reflexión, un espazo de silencio, un dialogo cara a cara coa obra de arte.