'A igualdade e a violencia de xénero en tempos de guerra'

ARCHIVO.
O Congreso, que organiza a Asociación de Periodistas de Galicia (APG), coa colaboración da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Administración galega e da Facultade de Comunicación da USC, contará tamén na súa apertura coa intervención da súa decana, Ana Isabel Rodríguez, e será clausurado polo reitor da Universidade compostelá, Antonio López Díaz.

A expresidenta da Asamblea General da Organización de las Naciones Unidas (ONU), María Fernanda Espinosa, e a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana, inaugurarán o IV Congreso Medios de Comunicación e Igualdade de Xénero, 'A igualdade e a violencia de xénero en tempos de guerra', que terá lugar no auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago (USC), o próximo 18 de novembro.

O Congreso, que organiza a Asociación de Periodistas de Galicia (APG), coa colaboración da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Administración galega e da Facultade de Comunicación da USC, contará tamén na súa apertura coa intervención da súa decana, Ana Isabel Rodríguez, e será clausurado polo reitor da Universidade compostelá, Antonio López Díaz.

A intervención da expresidenta da ONU, recentemente elixida executiva da asociación GWL Voices for Change and Inclusion -unha rede que reúne a máis de 50 mulleres líderes no mundo, para promover a igualdade, a inclusión e o multilateralismo-, versará sobre “O escaso papel das mulleres na política internacional e a necesidade da súa influencia na consecución de sociedades máis pacíficas”. Espinosa é tamén a primeira muller que foi designada ministra en Ecuador e extitular das carteiras de Defensa e Cultura e Patrimonio nese país. Ademais, foi a cuarta muller na historia e a primeira de América Latina e o Caribe en presidir a Asamblea General da ONU e, en 2019, foi declarada unha das 100 mulleres máis inspiradoras e influíntes do mundo.

 

Na xornada tamén participarán como ponentes as correspondentes de guerra Marian Serén (RTVE), Sara Rincón (La Sexta) e Leticia Álvarez (ex correspondente de Antena3-Onda Cero, e agora responsable para España e Andorra do UNRIC), que intervirán no panel-coloquio “Os conflitos afondan na desigualdade, na violencia e na trata”.

Entre as relatoras destacan, ademais, Mayte Carrasco, reporteira, analista e profesora, mellor correspondente no estranxeiro 2012 polo Club Internacional de Prensa (CIP), cuxa conferencia leva por título: “Mulleres xornalistas en tempos de guerra, en pé de igualdade?”; e María Ángeles Samperio, presidenta do Consejo de Género da Federación Internacional de Prensa (FIP), cunha disertación titulada: “Xorgarse a vida para informar non sabe de xéneros”.

 

Nesta cuarta edición, o Congreso Medios de Comunicación e Igualdade de Xénero estará centrado tamén no labor que desenvolven os medios de comunicación dixitais e as canles de televisión. Así, incluirá dous paneis-coloquio con sobresaíntes representantes da CRTVG e de RTVE, A3media e Telecinco-Cuatro en Galicia (“As televisións, plataformas para a consecución da igualdade e a erradicación da violencia de xénero?”) e de Galicia Confidencial, Mundiario, Treintayseis y Galiciapress (“Os dixitais favorecen o relato das mulleres”).

 

O reitor da Universidade de Santiago, Antonio López Díaz, acompañado pola presidenta da APG, María Méndez, será o encargado de clausurar esta xornada, na que profesores e alumnos da Facultade de Comunicación da USC exercerán como presentadores e moderadores.