Os homes de Castelao, en exposición por primeira vez: As 68 pranchas orixinais no museo ribeirense
'Os homes, de Castelao, na Colección de Roberto Taboada', é unha mostra cos traballos do rianxeiro publicados no xornal vigués Galicia durante o ano 1925 e logo utilizados na publicación Cincoenta homes por dez reás (1930). Por primeira vez, pódense ver as 68 pranchas de cinc orixinais utilizadas na prelo da publicación, acompañadas polas publicacións orixinais do xornal Galicia. Igualmente, exponse unha pequena mostra de distintas edicións do volume Cincoenta homes por dez reás. O museo ribeirense rende así unha nova homenaxe ao intelectual rianxeiro, centrándose neste caso na súa faceta como ilustrador, que empregou para plasmar as diferentes tipoloxías masculinas do seu tempo. Faino a través das pranchas que, segundo se considera, se realizaron nos propios obradoiros do xornal Galicia, que botou a andar en 1922, e estiveron esquecidas ata os anos noventa, cando as recuperou Roberto Taboada, propietario dunha das coleccións máis extensas sobre a obra de Castelao.
Noutra orde de cousas, a fundación deu a coñecer o fallo do xurado do XV Premio Atlante de Gravado que convoca cada ano. O artista gaditano Wenceslao Robles Escudero foi o merecedor do Premio Ramiro Carregal por unha estampa sen título realizada mesturando técnicas como augaforte, augatinta e punta seca. Recibirá un premio en metálico de 5.000 euros. A coruñesa Elvira Paz gañou o galardón reservado para artistas galegos, que ten unha dotación de 2.000 euros. Por outra parte, repartíronse outros tres premios que foron para dúas artistas polacas, Anna Trojanoswska e Alicja Stróyk, e a española María Luna. O xurado estivo formado por Alfonso Costa, Soledad Penalta, Carmen Hermo, Isabel Pintado, Juan Monterroso, José Manuel López e José Daniel Buján. En total, concorreron 250 obras de case 180 artistas, chegadas desde 16 países diferentes. Unha selección de 38 estampas das presentadas conformará unha vindeira exposición sobre o certame que acollerán as salas do museo.