‘A herdanza filosófica e sociopolítica de José Saramago’
VII congreso internacional José Saramago da Universidade de Vigo ‘A herdanza filosófica e sociopolítica de José Saramago’ Vigo, 26 - 29 de outubro de 2022 Centro de Visitantes do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia/Edificio Cambón | Camões – Centro Cultural Português em Vigo/Casa de Arines | Sede Afundación Vigo
No panorama da literatura mundial, José Saramago ostenta, hoxe en día, un lugar prominente. A influencia significativa exercida non só sobre a cultura occidental, senón tamén sobre a opinión pública en xeral, e a súa recepción académica internacional confirman a gran significación da súa obra, traducida a máis de 50 linguas.
Trátase dunha obra que se ocupa das cuestións máis perentorias da contemporaneidade: desde a igualdade de xénero e a ecoloxía, ata os debates entre especismo e antiespecismo, consumismo e anticonsumismo, culturalismo e anticulturalismo, capitalismo e economía neoliberais. Por iso, a obra saramaguiana constitúe un punto de partida único para avaliarmos criticamente a nosa sociedade globalizada, as culturas e as estruturas económico-políticas de Occidente, marcadas por crises que esixen a nosa reflexión e participación activa.
No ano en que se celebra o centenario do nacemento de José Saramago, a I Cátedra Internacional José Saramago (CJS) da Universidade de Vigo pretende transformar o seu VII Congreso nun evento especialmente amplo e cunha proxección internacional e mediática aínda maior ca en anteriores edicións. Queremos traer a Galiza o maior número posible de representantes da Jangada-Rede Internacional de Cátedras, Centros de Investigación e Asociacións (JaRICCA), mais tamén investigadoras/es, estudantes e outro público interesado.
O tema do VII Congreso parte do libro Saramago's Philosophical Heritage (2018), editado polos filósofos e profesores do Paris Institute for Critical Thinking (PICT), Carlo Salzani (University of Veterinary Medicine Vienna) e Kristof Vanhoutte (University of the Free State, Bloemfontein), que coorganizan o evento.
Como primeiro eixe temático, explorarase a fonda relevancia contemporánea do legado filosófico deixado por José Saramago, incluíndo cuestións relacionadas cos animais, a empatía e o antropomorfismo. Completan este eixe, entre outros, os obxectivos sociopolíticos da rede JANGADA de cátedras, institutos e asociacións, a partir dos principios ético-morais consagrados na Carta Universal dos Deberes e Obrigacións dos Seres Humanos.
Inspirada no discurso que Saramago pronunciou o día 10 de decembro de 1998 en Estocolmo, cando recibiu o Premio Nobel de Literatura, foi elaborada na Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM), por unha comisión de especialistas internacionais e sometida á ONU en 2018. Deste xeito, esta Carta e o debate internacional sobre os seus temas constituirán o segundo eixe temático deste congreso.
Un cuarto eixe temático estará dedicado ás reflexións sobre a situación actual e o futuro da cultura e lingua galegas, a partir dos vieiros e reivindicacións que nos ofrece o pensamento saramaguiano. Tal e como xa vén sendo tradición, o lema segue a ser aquel que nos ten inspirado desde a primeira edición dos nosos congresos:
“O ser humano não deve contentar-se com o papel do observador.
Tem responsabilidade perante o mundo, tem de actuar, intervir”
(José Saramago, 1987)