Groba volve a soar en Ponteareas

O Festival Groba volverá converter este verán a Ponteareas no epicentro galego da música de cámara. A alcaldesa, Nava Castro, presentou este venres a undécima edición dunha cita que cada ano reúne a ducias de intérpretes de prestixio internacional nun acto que contou coa participación do Director Xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; do director artístico do festival, Rogelio Groba e da segunda tenente de alcaldesa e concelleira de Urbanismo e Vivenda, Silvia Fernández Táboas.

O Festival Groba volverá converter este verán a Ponteareas no epicentro galego da música de cámara. A alcaldesa, Nava Castro, presentou este venres a undécima edición dunha cita que cada ano reúne a ducias de intérpretes de prestixio internacional nun acto que contou coa participación do Director Xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; do director artístico do festival, Rogelio Groba e da segunda tenente de alcaldesa e concelleira de Urbanismo e Vivenda, Silvia Fernández Táboas.

Do 12 ao 18 de agosto, “celebramos unha nova edición dun festival consolidado que nos permite ás e aos ponteareáns coñecer e valorar a extensa obra do mestre Groba e explorar novos campos musicais. Porque Ponteareas é a vila do Corpus Christi, pero tamén da música”, salientou Nava Castro.

O Festival Groba volve de novo cun cartel de gran calado, como a estrea dunha obra seleccionada do mestre Groba, a ‘Suite Laxeiriana’, unha peza inspirada na obra do pintor galego. Do mestre Groba tamén soarán ‘Danza de Alba’, os concertos para violonchelo e cordas ‘Añoranzas’ e ‘Canto de berce’, ‘Catro bagatelas’, ‘Carpe Diem’, unha selección dos ‘Microconcertos’ e do ballet ‘Danzas meigas’ e a suite ‘Grovias’.

Ademais da Orquestra de Cámara Galega, orquestra residente do Festival Groba, esta nova edición contará coa presenza da internacionalmente prestrixiosa frautista coreana Jasmine Choi, os violinistas Benjamin Morrison de Nova Zelandia, Petteri Iivonen de Finlandia, o violista chino Wen Xiao Zheng, o violonchelista bielorruso Georgi Anichenko e o flamante solista da Orquesta Nacional de España, o estremeño Joaquín Fernández. Tamén actuará a fantástica pianista italiana Elisa D’Auria e, un dos referentes pianísticos habituais no prestixioso Festival de Verbier, Julien Quentin.

A alcaldesa, Nava Castro, resaltou o gran número de intérpretes que visitarán no mes de agosto Ponteareas e agradeceu “á Orquestra da Cámara Galega, ao seu director e á Fundación Rogelio Groba o traballo que realizan cada ano para organizar este festival, que seguro volverá a ser un éxito de público”. “Ponteareas converterase esta semana nun referente musical e seguiremos traballando ano a ano para mellorar e poder desfrutar na nosa vila dun ano cultural con diferentes actividades que convertan o noso concello nunha lugar de visita inescusable”, salientou.

O cartel complétase neste XI Festival Groba cun concerto especialmente dirixido aos mais pequenos no que o Duo Indigo interpretará O Carnaval dos animais de C. Saint-Saëns e continuarase co Programa de Mentonship iniciado na pasada edición. Este ano contamos coa participación da Boston String Academy, institución americana que no programa de titorización recibirán clases gratuítas de música de cámara impartidas polos principais artistas convidados ao festival. Así mesmo, compartirán escenario coa Orquestra de Cámara Galega e terán a oportunidade de formar parte da programación do Festival. O público poderá escoitar ademais a autores como Vivaldi, Respighi, Strauss, Shostakovich, Turina, Grieg, Brahms, Beethoven, Rakov e Saint-Saëns.

 Director de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, quixo destacar a importancia de “facer difusión musical de calidade fóra dos circuítos habituais e cunha masa crítica de intérpretes de recoñecido prestixio pilotados pola Orquestra da Cámara Galega”. “E é realmente especial facelo dende un concello no que naceu, residiu e dende o que espallou o seu nome unha figura internacional como a do mestre Groba”.

Pola súa banda, o director artístico do Festival Groba, Rogelio Groba Otero, salientou que se tratará dunha edición moi especial ao ser a primeira sen a presenza do mestre Groba “nesta marabillosa aventura, na que seleccionabamos obras e autores a interpretar e preparabamos as estreas de obras compostas por el”. “Temos por diante unha semana de actuacións coas que poñer de novo en valor a figura do compositor máis prolífico do noso país e do que cada ano descubrimos unha nova obras con estreas agochadas entre as actuacións, en estreita colaboración co Concello de Ponteareas, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, así como a Fundación Groba, sen as que non sería posible facer un evento gratuíto da magnitude do Festival Groba”.

A segunda tenente de alcaldesa e concelleira de Urbanismo e Vivenda, Silvia Fernández Táboas, animou a toda a veciñanza a gozar da undécima edición “dun evento que pon en valor a música de cámara universal e, sobre todo, a música do mestre Rogelio Groba, compositor ponteareán e un dos máis importantes compositores españois dende mediados do século XX”.