Galicia organizará o vindeiro ano a XXVII edición da exposición ‘Las Edades del Hombre’ xunto a Castela e León
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou hoxe un convenio co titular da Junta de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, para colaborar na celebración da XXVII edición da exposición Las Edades del Hombre que no 2024 terá unha dobre sede: en Santiago de Compostela e en Vilafranca do Bierzo.
Rueda subliñou a importancia da colaboración entre ambas comunidades á que cualificou de “perfecta simbiose” para preservar e difundir o patrimonio cultural, que erixiu como elemento clave para configurar a identidade dos pobos, á vez que actúa de dinamizador da economía dun territorio e supón un gran atractivo desde o punto de vista turístico.
“Coidar o patrimonio e engrandecelo, ao tempo que facer que se entenda e se comprenda —que é a mellor forma de querelo— resulta a mellor herdanza que lle podemos deixar aos que veñan detrás”, defendeu Rueda sobre a importancia deste exposición.
INTERESES COMÚNS
Ao respecto, salientou que pon en valor “o inmenso patrimonio, máis aló da arte, senón tamén simbólico” que comparte Galicia coa “terra irmá” de Castela-León. Neste senso, incidiu nos vencellos históricos entre Galicia e Castela e León a través de nexos comúns como o Camiño de Santiago.
Ademais, destes vínculos puxo en valor os “moitos intereses comúns” que comparten ambas comunidades, entre as que citou as cuestións vencelladas coas comunicacións ou a reivindicación da “igualdade entre todos os territorios de España” e que “non haxa muros”. “E o mellor para demostrar que non hai muros é unirse e facer proxectos culturais como Las Edades del Hombre”, aseverou.
O presidente galego considerou que exposicións conxuntas como esta serven para “explicar e facer comprender mellor” a historia de ambas comunidades, “que tamén é a historia do Camiño, de España e de Europa”, argumentou.
De feito, a mostra do vindeiro ano terá dúas sedes, vencelladas a ruta xacobea: Santiago, como punto final da ruta de peregrinación e Vilafranca do Bierzo, como única localidade na que os peregrinos poden obter o Xubileo, aínda que non sigan a ruta cara a Compostela.
Apuntar que a sinatura do convenio levouse a cabo no santuario de Santa María a Real do Cebreiro, lugar de orixe do sacerdote Elías Valiña que, desde os anos 60, foi un dos principais promotores da recuperación do Camiño Francés, impulsor da colocación das frechas amarelas no percorrido ou de mellorar as condicións nas que os peregrinos realizan a senda.
LAS EDADES DEL HOMBRE
Trátase un proxecto cultural e expositivo promovido por Castela e León desde 1988 e que busca poñer en valor o patrimonio cultural tanto como reforzo social como xerador de riqueza. Ata o momento, celebráronse 26 edicións que contaron con máis de 12 millóns de visitantes e nas que se expuxeron 5.228 pezas de arte e se restauraron outras 2.000.
En cada edición, a exposición conta cun relato común e inclúe labores de investigación, difusión, restauración de pezas así coma unha montaxe que sempre ten a innovación como eixo principal e na que teñen moita importancia elementos multimedia (recreacións en 3D, proxeccións audiovisuais, pantallas interactivas...) ou a música.
Pese a que a maioría de edicións tiveron lugar en Castela e León, tamén se levaron a cabo en Madrid, Cádiz, Bélxica ou Nova York.