'Galicia Inédita' recibe 7.500 visitantes e amplía ata o 24 de maio a estancia da mostra na igrexa da USC
A exposición fotográfica “A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego”, amplía o seu período de apertura ao público ata o 24 de maio. A mostra, que tiña previsto ser clausurada o día 15 de maio, está organizada pola Asociación de Periodistas de Galicia (APG) e polo Colectivo Profesional de Fotoxornalistas de Galicia.
A exposición foi inaugurada o pasado 15 de abril polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e xa ten acadado máis de 7.500 visitantes dende entón.
“Ante a extraordinaria resposta que está logrando”, afirmou María Méndez, “decidimos prolongar o prazo da exposición co respaldo da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia e máis da USC”.
A Galicia inédita” recolle a obra de 73 fotógrafos de prensa que exercen o seu labor na nosa comunidade autónoma, acompañadas por lendas de estilo literario, elaboradas por outros tantos xornalistas que tamén desenvolven o seu traballo en Galicia.
O obxectivo desta mostra é poñer en valor o facer dos reporteiros gráficos na comunidade autónoma, sen perder o nexo de unión cos profesionais que ilustran os seus textos a diario coas imaxes que toman os primeiros.
En canto ás fotografías que se expoñen nela, as imaxes van máis aló da capacidade creativa dos seus autores e da instantánea de actualidade, con obras que plasman moi diferentes aspectos da nosa realidade social, económica e política; dende a vertente máis dura ou crúa (lumes forestais, narcotráfico, conflitos laborais…), ata as manifestacións artísticas, culturais e festivas galegas; incluíndo tamén un bo número de fotografías de enorme beleza paisaxística ou que afondan na xeografía humana galega.
Logo da ampliación do prazo de exposición, “A Galicia inédita. Unha ollada diferente do fotoxornalismo galego” estará aberta ao público na Igrexa da Universidade de Santiago ata o próximo 24 de maio, de martes a sábado, en horario de 11,00h a 14,00h e de 17,00h a 20,30h, con acceso libre para tódalas persoas que desexen visitala.