Galardóns do Certame de poesía e relato ilustrado Emilia Estévez Villaverde
A Gala da Poesía aterraba na sala multiúsos do auditorio municipal de Ponteareas cun dobre obxectivo: conmemorar aos grandes autores e autoras ponteareás e dar visibilidade a aqueles escritores e escritoras que se mergullan na literatura dende ben novos e novas. Por iso, durante o encontro o Concello de Ponteareas entregou os galardóns do Certame de poesía e relato ilustrado Emilia Estévez Villaverde, unha iniciativa dirixida nenos, nenas e mocidade coa que o Goberno municipal buscaba visibilizar a figura desta escritora pioneira.
Nesta edición, o certame tivo nome de muller. Na categoría de poesía as gañadoras foron Danna Alonso Sanjuan, Gaia Piñeiro Ferreira e Mara Rodríguez Vastos, todas elas alumnas do Colexio Plurilingüe Inmaculada. Por outra banda, o xurado decidiu premiar os relatos ilustrados de tres estudantes do CEIP Plurilingüe Feliciano Barrera, ‘A viaxe a Ponteareas’, de Sara Bargiela Porto; ‘Un novo fogar’, de María Castro Prieto; e ‘A nena maior’, de Alicia Domínguez Groba.
As seis premiadas foron agasalladas cun diploma acreditativo, un libro de Emilia Estévez Villaverde, un vale de compra por valor de 30 euros e unha camelia doada pola Estación Fitopatolóxica de Areeiro da Deputación de Pontevedra.
A alcaldesa, Cristina Fernández, e o concelleiro de Cultura, Fernando Groba, foron os encargados de entregar os agasallos a todas as premiadas. Como sinalaba Groba “é un orgullo ver a gran calidade dos traballos presentados a este certame, que indica unha vez máis o bo nivel literario que hai en Ponteareas e a gran canteira que ven detrás. Parabéns ás gañadoras e a todas e todos os participantes!”.
A gala contou coa actuación de Aldaolado, un dúo poético-musical que realiza unha mestura de poesía con humor e música de carácter transgresor nun exercicio de comunicación directa co espectador e espectadora. Un espectáculo que se move entre o recital, o concerto e a narración de contos e historias centrados nas aventuras e desventura dos e das poetas que fixo as delicias do público.