O gaiteiro e frautista pontevedrés Oscar Ibáñez chega a Monterrei
Despois do grande éxito acadado no Festival Folk Celta de Ponte da Barça, Portugal o pasado sábado, o gaiteiro e frautista pontevedrés Oscar Ibáñez chega este sábado 6 de agosto ás 21:30 h á Alameda de Vilaza, Monterrei, no día do patrón San Salvador, dentro dos concertos do Xacobeo, promovido pola Xunta de Galicia e o Concello de Monterei. Entre agosto e setembro, e tamén dentro da programación do Xacobeo, levará a súa música aos concellos de A Lama, Pontevedra, Cortegada, Ourense; Xove, Lugo; Padrón, A Coruña; e xa fóra deste ciclo actuará na Xuntanza Internacional de Gaiteiros no Castelo de Monterrei, no que participarán algúns dos máis destacados gaiteiros e gaiteiras do mundo, e no importante festival Almuenza Folk en Hornillos de Cerrato, Palencia, que celebra o seu 25 aniversario.
A súa Tribo está formada por importantes músicos de longa e recoñecida traxectoria, que formaron parte das bandas dos artistas e grupos máis destacados da música folk galega, como Fernando Fraga (Carlos Núñez), acordeón; Harry.c (Milladoiro), violín; Manuel Cebrián (Mercedes Peón), guitarra; Paco Dicenta (Mercedes Peón), baixo; Carlos Castro (Budiño), batería e percusión; e Carla Villanueva (Oscar Ibáñez & Tribo), xilófono; e cinco gaiteiros da Banda de Gaitas Suevia de Porto do Son, dirixixos por Xosé Romero Miguéns, da saga familiar do célebre grupo Os Rosales de Asados, Rianxo.
Oscar Ibáñez mantén un vínculo moi especial coa comarca de Monterrei dende que en 2003, na Habana, Cuba, coñeceu ao músico nonaxerario Rodolfo Posada, fillo do gaiteiro e reloxeiro emigrante José Posada, orixinal da Rasela (Verín), que na illa caribeña formou o Quinteto Monterrei nos anos 30 do século pasado, co que amenizou con grande éxito os bailes e as celebracións dos centros españois da altura. Rodolfo herdou a a paixón pola música do seu pai e o importante legado musical e documental do conxunto musical. Oscar Ibáñez ficou impactado co relevante achado que derivou nunha ampla investigación de varios anos, que en 2008 cristalizou na publicación do seu libro-CD “O Quinteto Monterrei de José Posada. Nos xardíns da Tropical” (Dos Acordes) coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e os concellos de Monterrei, Verín e Riós. O legado de José Posada, partituras, instrumentos e fotografías consérvanse na actualidade no Museo de Cornamusas da Escola de Gaitas da Deputación de Ourense, onde están á disposición da cidadanía para a súa consulta.
OSCAR IBÁÑEZ & TRIBO realizou máis de 200 concertos por toda a Península Ibérica, Bretaña e Italia participando nalgúns dos festivais internacionais máis importantes como: Festival Intercéltico de Lorient (Lorient, Bretaña); Festival Capodanno Céltico (Milán, Italia); Festival Internacional da Máscara Ibérica (Lisboa, Portugal); Festival Inter-Atlântico de Gaita de Foles (Ponte de Lima, Portugal); Festival Beltane (Perraes, Portugal); Festival Sons da Celtiberia (Vila Nova de Famaliçao, Portugal); Festival do Mundo Celta de Ortigueira (Ortigueira, Galicia); Festival Intercéltico do Morrazo (Moaña, Galicia); Festival de la Luz (Boimorto, Galicia); Festival Folk de Guísamo (Bergondo, Galicia); Festival Folk As Pontes (As Pontes de García Rodríguez, Galicia); Festival Internacional Celta Reino de León (León, Castilla y León); Festival Folk Canarias (Telde, Gran Canaria); Festival Sauga Folk (Colindres, Cantabria); Festival Folk Plasencia (Plasencia, Extremadura) ou o Festival Intercéltico d'Occidente (Tapia de Casariego, Asturias), entre outros.
OSCAR IBÁÑEZ participou en máis de 20 traballos discográficos entre los que destacan sus discos en solitario ALÉN DO MAR (VIR, 2012), no que fusionou a música de Galicia e América Latina a través da emigración, e AIRES DE PONTEVEDRA (Inquedanzas Sonoras, 2017), co que homenaxeou ao célebre gaitero de Viascón Ricardo Portela (1920-1992) co gallo do 25 aniversario de su pasamento. Como investigador publicou os libros-CD Os Montes de Lugo (Ouvirmos, 2007), O Quinteto Monterrey (Dos Acordes, 2009) e Xoán Tilve Gaiteiro de Campañó (aCentral Folque, 2015). É ademáis ideólogo e promotor de eventos como MUSGAFOL, Encontro de Gaiteiros Manuel Villanueva Gaitas de Fol do Noroeste, Juelles. Encuentro de Gaitas Europeas e Piperegrinos. As Gaitas do Camiño.
Na actualidade está a representar o seu espectáculo DA TERRA, no que repasa os temas máis destacados dos seus traballos discográficos Alén do mar e Aires de Pontevedra, e no que presenta algúns temas do seu novo traballo que gravará o próximo inverno, nunha espectacular e enérxica viaxe sonora a través música tradicional galega chea de orixinalidade, imaxinación e creatividade nunha mestizaxe musical innovadora na que predomina a sonoridade celta.