'Fillos do océano'
A Fábrica do Alemán do Concello de Redondela acollerá mañá venres 26 de marzo, ás 12.00 h, a presentación, da exposición «Fillos do océano», un proxecto fotográfico de Javier Teniente. Esta iniciativa é posible grazas á colaboración entre o Concello de Redondela, ABANCA e Afundación, entidades que estarán representadas no acto de inauguración, en convocatoria só para gráficos, pola alcaldesa de Redondela, Digna Rosa Rivas Gómez; o concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa Martínez; José Luis Romero Quiroga, coordinador de Banca Institucional de ABANCA; Víctor Vázquez Saavedra, director de Zona Vigo Norte de ABANCA; e Paloma Vela Garicano, coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación.
As comunidades de pescadores artesanais de todo o mundo, así como as mulleres e homes que viven por e para o mar, son as protagonistas da exposición «Fillos do océano», que reúne imaxes únicas de lugares como Galicia, Senegal, Andalucía, Nicaragua, India, Sri Lanka, Brasil, Panamá, Madagascar, Vietnam, Noruega ou Indonesia. Poderase visitar ata o vindeiro 29 de abril na Fábrica do Alemán (lg. de Rande, s/n), de martes a venres en horario de 16.00 a 19.00 h, e sábados e domingos de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 h.
Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente cultural» que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.