Festival We tattoo sumará arte corporal, gastronomía e música
A Xunta de Galicia apoia o festival We tattoo, que se celebrará os días 23 e 24 de marzo nos baixos da Praza de Abastos de Lugo e que pretende difundir entre o público en xeral o traballo dun sector que amosa puxanza na cidade, o dos estudos dedicados á arte corporal.
O evento foi presentado hoxe na Delegación Territorial da Xunta en Lugo. Contará con cinco expositores locais: Flyers Tattoo, Ivo Body Art, Moon Girls Tattoo, Nicolás Portugal e Pacific Soul, e durante toda a fin de semana participará Champi Muros, coñecido polos seus vídeos humorísticos nas redes sociais.
Tamén ofrecerá zona gastronómica a cargo de coñecidos cociñeiros de Lugo e sesión vermú con Recreativos DJ. Entre outras citas destacables, o sábado actuarán Mad Martin Trío, Star Dance e Gravity, e o domingo ás 20 horas haberá un desfile dos traballos finais.