Festival Mil primaveras en Mondoñedo

O delegado territorial, Javier Arias; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; a xefa do Servizo de Coordinación Cultural de Lugo, Ana Mel; o concelleiro de Cultura de Mondoñedo, Alberto García; e Irene Sineiro e Xosé Aldea en representación de Ouvirmos.
A presentación tivo lugar este luns na Delegación Territorial de Lugo e contou coa participación do delegado territorial, Javier Arias; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; a xefa do Servizo de Coordinación Cultural de Lugo, Ana Mel; o concelleiro de Cultura de Mondoñedo, Alberto García; e Irene Sineiro e Xosé Aldea en representación de Ouvirmos.

A Xunta de Galicia impulsa a posta en marcha do festival Mil primaveras, unha proposta arredor do universo creativo e o escenario vital do escritor Álvaro Cunqueiro, que se celebrará o sábado 11 de marzo en Mondoñedo. Trátase, ademais, dunha das 14 iniciativas subvencionadas pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades a través do programa Territorio Cultura para ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas.

A presentación tivo lugar este luns na Delegación Territorial de Lugo e contou coa participación do delegado territorial, Javier Arias; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; a xefa do Servizo de Coordinación Cultural de Lugo, Ana Mel; o concelleiro de Cultura de Mondoñedo, Alberto García; e Irene Sineiro e Xosé Aldea en representación de Ouvirmos.

A través do fondo Territorio Cultura, a Xunta destinará preto de 1,3 millóns de euros entre os anos 2022 e 2023 para a dinamización cultural do rural galego. Entre as entidades subvencionadas figura a empresa Ouvirmos, especializada na creación de produtos innovadores en materia cultural, que obtivo 50.000 euros para a organización deste evento.

Os representantes da Xunta subliñaron a orixinalidade e a variedade de actos propostos, así como a participación de numerosos creadores galegos difundindo o seu traballo e a implicación da veciñanza e as asociacións locais.

programa recolle máis dunha vintena de actividades, que inclúen gastronomía, música, teatro, cine ou poesía e rematarán cun concerto de Amancio Prada cantando a Cunqueiro na Catedral. Desde as 11,00 h. haberá un mercado na praza da Catedral, onde tamén terá saída o “tren fantástico” que percorrerá a vila e será gratuíto para as persoas que acudan caracterizadas dalgún dos personaxes do autor.

Ao respecto, os organizadores invitan a asistir caracterizado de calquera elemento que forme parte da narrativa do escritor para converter a cita nun auténtico festival de “fantasía cunqueiriana”. Ademais, un grupo de veciños e veciñas percorrerán as rúas caracterizados como personaxes singulares da historia de Mondoñedo.

Paralelamente, durante o mes de marzo haberá varios talleres formativos en Mondoñedo e Abadín; Antía Yáñez dirixirá a escola de escritura, Paloma Lugilde a escola de teatro, e Xaime Miranda a escola do audiovisual.

O 17 de marzo, o salón de actos do Casa Consistorial de Abadín acollerá a sesión motivacional “Sementeira”, sobre novos formatos culturais para alumnado de 16 a 18 anos, e o auditorio de Mondoñedo a proxección de Valentina, de Chelo Loureiro, que obtivo o Goya á mellor película de animación no ano 2021.

O día 11, no marco da xornada principal do festival, proxectarase na Casa museo Alvaro Cunqueiro de Mondoñedo The Monkey, de Xosé Zapata, Goya ao mellor curtametraxe de animación 2022.

Galicia foi a primeira Comunidade autónoma en poñer en marcha o programa Territorio Cultura a través da súa propia liña de subvencións dentro do plan para ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas que contempla o Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation EU. Nestes momentos, atópase en prazo de resolución a segunda quenda de adxudicacións ao abeiro desta iniciativa e de acordo coas bases que foron publicadas a finais de novembro.