Festival Internacional de Teatro de Ourense

O director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participa na presentación desta edición no Teatro Principal, que acollerá o groso da programación.
Este proxecto consiste no lanzamento de catro bolsas de creación para pezas performativas e de microteatro, para o que o prazo de presentación de propostas estará aberto ata o 5 de outubro. As catro seleccionadas amosaranse no Teatro Principal o día 18 dese mesmo mes, sumándose así aos outros 11 espectáculos que conforman o cartel.

O Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) celebrará entre o 13 e o 20 de outubro o seu 15º aniversario cun programa conformado por 15 propostas que se repartirán entre o escenario do Teatro Principal e outros espazos da cidade. A cita ourensá conta para esta edición co apoio da Xunta de Galicia a través da liña de axudas á organización de mostras de artes escénicas, que na convocatoria de 2022 distribuíu 200.000 euros entre 13 certames de toda Galicia.

O director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación do programa xunto á directora do festival, Fina Calleja; a directora do Teatro Principal de Ourense, Olga Mojón, e o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Manuel Fernández Gil. Sutil salientou a diversa programación que o encontro lle ofrecerá ao público ourensán, cunha escolma de compañías representativa da nosa actual produción escénica.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades tamén valorizou a vontade do encontro para servir de espazo de intercambio entre creadores de diferentes disciplinas a través da iniciativa 67 Graos Ourense-Fervescénica. Este proxecto consiste no lanzamento de catro bolsas de creación para pezas performativas e de microteatro, para o que o prazo de presentación de propostas estará aberto ata o 5 de outubro. As catro seleccionadas amosaranse no Teatro Principal o día 18 dese mesmo mes, sumándose así aos outros 11 espectáculos que conforman o cartel.

TEATRO DE RÚA E DE SALA

O Festival Internacional de Teatro de Ourense desvelou hoxe un programa que inclúe tanto montaxes de sala como de rúa. A formación Arun-Run será a encargada de abrir a 15ª edición, a xeito de aperitivo na véspera da xornada inaugural, co seu percorrido polo rueiro ourensán para sorprender o público con Fitomozas.

A Panadaría, co seu espectáculo As que limpan, será a compañía encargada de abrir a programación de sala no Teatro Principal o xoves 13 ás 20,00 h. Ao día seguinte, á mesma hora e no mesmo recinto, a formación lusa Teatro Arte Imagen representará Especies Lázaro, obra que conta coa participación dos galegos Vanesa Sotelo, autora do texto, e mais de Davide González, integrante do elenco.

Xa o sábado, o Principal acollerá a representación de Alma de tigre, peza de Elefante Elegante. O domingo, o festival achegarase ao público familiar coa peza Oh-Pera, de Circo Chosco, que se poderá ver ás 12,30 h. no patio dos Maristas.   

VENCELLOS COA CIDADE

Tamén forman parte do programa dúas compañías estreitamente relacionadas coa cidade das Burgas: Barrosanta, que representará a súa primeira obra, Ragazzo, o día 19 no espazo cultural Mur Marxinal, e Uxía Morán, que estreará a súa peza Ingobernable no Principal ao día seguinte.

A programación completarase durante a fin de semana con tres actuacións no escenario da rúa Paz. Así, o venres 11 chegará a quenda de Pirolíticos, montaxe de Mofa&Befa co que este dúo cómico formado por Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo está a xirar no seu 30ª aniversario. O sábado os arxentinos Suttotos representarán Perdón, mentres que o domingo reservarase a función de clausura para Smoke on The Water, montaxe de Ibuprofeno Teatro escrita e dirixida por Santiago Cortegoso.