17ª edición do 2 ao 5 de setembro na parroquia do Porriño

Festival de Cans, 23 curtametraxes e 15 videoclips a concurso

A longametraxe de Paula Cons ‘A illa das mentiras’ abrirá o evento, que terá lugar do 2 ao 5 de setembro

O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, subliñou hoxe o esforzo feito pola organización do Festival de Cans, que celebrará a súa 17ª edición do 2 ao 5 de setembro na parroquia do Porriño, da que toma o seu nome adaptándose á nova situación e sen perder de vista os seus elementos máis icónicos. A Xunta de Galicia volve colaborar coa organización do evento, ao que este ano lle achega preto de 40.000 euros a través dun dobre vía: as subvencións autonómicas a certames audiovisuais e o Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, creado ao abeiro do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos da covid-19.

“Están sendo meses intensos nos que a organización fixo un duro traballo para reorganizar datas, adaptarse á nova situación e reorganizar unha cita co audiovisual galego que estea á altura do sector e que sexa segura para todos”, salientou Román Rodríguez. Nesta mesma liña, o titular de Cultura e Turismo en funcións agradeceu o esforzo que está facendo todo o tecido cultural para reactivarse e lembrou que non debemos baixar a garda porque “o coidado de nós mesmos e dos que nos rodean debe ser unha prioridade”.

Por outra banda, lembrou a importancia destes eventos para dinamizar territorios, especialmente no rural. No caso da edición pasada, tal e como sinalou, o Festival de Cans xerou máis de 130 postos de traballo e un impacto económico de máis dun millón de euros. “Esta capacidade para xerar riqueza é a que fai que sexa importante que sumemos esforzos para que a cultura, o audiovisual galego e este festival continúen máis vivos que nunca”, afirmou.

AXUDAS

Román Rodríguez, xunto co director da Agadic, Jacobo Sutil, acompañou a organización do festival, encabezada pola Asociación Cultural Arela, na presentación da programación completa deste ano, á que tamén asistiron os representantes do resto das entidades colaboradoras e empresas patrocinadoras, entre as que se atopa Galicia Calidade.

Un ano máis, o de Cans volve figurar entre os festivais galegos do audiovisual subvencionados a través do programa específico de apoio que mantén desde 2014 a Consellería de Cultura e Turismo. En 2020, son 13 as citas entre as que se distribúe unha dotación global de 190.000 euros, un 11% máis que en 2019.

Ademais do incremento orzamentario, que consolida a liña ascendente destas axudas, a posta en marcha do devandito Plan de reactivación motivou a introdución dunha serie de modificacións nas súas bases para contribuír ao sostemento dos eventos no actual contexto xerado pola crise sanitaria. Estes cambios, que tiveron en conta o diálogo mantido ao respecto coa coordinadora de festivais audiovisuais Proxecta, refírense fundamentalmente á ampliación de prazos, á posibilidade de celebración en liña ou á inclusión entre os gastos subvencionables daqueles incorridos con anterioridade ao estado de alarma e non recuperables por mor dos adiamentos, como foi o caso de Cans, inicialmente programado para finais do mes de maio.

Malia este aprazamento e a obrigada reestruturación de contidos e espazos para garantir a seguridade dos asistentes, a organización deseñou unha programación que busca manter a esencia das súas anteriores edicións, así como as súas seccións máis relevantes, ao tempo que pon en marcha novas iniciativas, como a retransmisión en liña de parte das súas actividades, e lle concede un meirande protagonismo ao talento galego. Cómpre destacar que na edición deste ano compiten 23 curtametraxes e 15 videoclips. Ademais, entre as películas proxectadas, haberá 15 estreas que se suman aos 10 proxectos que se poderán ver por primeira vez en Galicia.

ESTREA

Así, a película de apertura do festival será A illa das mentiras, debut da realizadora Paula Cons na dirección de longametraxes de ficción, que contou para a súa produción cunha subvención da Xunta de Galicia de 240.000 euros. A fita, que pode verse nas plataformas Filmin en España e Cine AR en Arxentina, tamén foi seleccionada polo Festival de Shanghai, un dos máis importantes do continente asiático. En Cans terá lugar o seu primeiro pase público en pantalla grande, para o que xa están esgotadas as entradas, antes de chegar ao circuíto comercial de salas en setembro.

Xunto con Paula Cons, tamén estarán no encontro porriñés Jaione Camborda co seu filme Arima, Oliver Laxe para falar de cinema e do proxecto cultural que está a preparar nos Ancares, así como os protagonistas do seu filme O que arde, Benedicta Sánchez e Amador Arias, para participar nos coloquios dedicados ao papel das actrices e os actores e para os que tamén se contará con Uxía Blanco, Monti Castiñeiras, Miquel Insua ou Ana Santos, entre outros.

Ademais, este ano a directora Manane Rodríguez será recoñecida co Premio Pedigree á súa traxectoria e se reforzan as accións transversais en homenaxe a Chano Piñeiro no 25 aniversario do seu pasamento.