Fernández del Riego "é un dos arquitectos máis importantes da nosa historia literaria" afirma Román Rodríguez
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou hoxe en Lourenzá no acto de apertura das celebracións das Letras Galegas 2023 dedicadas este ano a Francisco Fernández del Riego, coincidindo co 110º aniversario do seu nacemento. No acto salientou a oportunidade desta efeméride para dar maior visibilidade ao “gran legado histórico e intelectual” que deixou na lingua e literatura galegas así como nas principais institucións culturais de Galicia “un dos arquitectos académicos máis importantes da nosa historia literaria”.
O titular de Cultura da Xunta, que estivo acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, puxo de manifesto a propia produción de Fernández del Riego, como un dos máis prolíficos ensaístas do século XX e XXI, así como a que foi quen de estimular. “Os seus estudos permitiron afondar na visión historiográfica e material que existía sobre as distintas manifestacións da lingua e literaturas galegas a través do tempo e tamén enriquecer o uso da lingua”, expresou.
Tamén salientou o seu papel dinamizador da vida literaria, cultural e intelectual de Galicia, primeiro como fundador de Editorial Galaxia, e, xunto a Ramón Piñeiro, de Grial, a publicación que sería referencia da literatura en galego e das reflexións sobre Galicia, ao tempo que recordou o seu papel en numerosas asociacións e agrupacións a prol da lingua e das súas expresións, desde o Seminario de Estudos Galegos (que este ano celebra tamén o seu centenario) ata a Real Academia Galega ou a Fundación Penzol, que celebra o seu 60 aniversario e foi fundada por el e na que depositou o seu legado.
ACTIVIADADES DE HOMENAXE 2023
Román Rodríguez considerou “de auténtica xustiza” dedicar este ano a Fernández del Riego tendo en conta, ademais, que un “dos maiores legados que deixou foi a creación do Día das Letras Galegas como unha xornada que permitise atesourar e recoñecer a todos os que contribuíron a enriquecer a nosa lingua e ampliar o noso horizonte intelectual”.
Neste sentido, avanzou que a Xunta traballa xunto a outras institucións e entidades culturais galegas nunha programación “dinámica e ampla” para homenaxear ao escritor laurentino e poñer en valor o seu amplo patrimonio documental e intelectual. Ademais de ofrecer unha maior visibilidade á súa pegada histórica na literatura galega e nas principais institucións culturais de Galicia, o propósito é “exhibir a importancia e vixencia que teñen os traballos e obras de Del Riego para todos os galegos”.