Feira do Libro de Santiago, a primeira en España tras o confinamento

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, acompañados polo director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, participan na inauguración da XXXIX Feira do Libro de Santiago. No parque da Alameda.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participou hoxe na inauguración da 39ª Feira do Libro de Santiago de Compostela, na que subliñou o traballo da Federación de Librarías de Galicia para lograr que esta cita feiral co Libro sexa a primeira que se celebra en España despois do período de confinamento pola covid-19.

A cita, que se desenvolverá no paseo da Alameda, estará aberta até o vindeiro mércores, contará con 35 sinaturas de libros a cargo de autores como María Xosé Queizán, Manuel Rivas, Marilar Aleixandre ou Alfredo Conde, entre outros, e incluirá unha novidosa proposta de dinamización acústica que harmoniza a experiencia de lecer e a seguridade. Trátase de intercalar entre a música fragmentos gravados de persoas ofrecendo textos dramatizados, recitais ou, sinxelamente, falando da importancia dos libros e da lectura.

“Traballouse moi duro −explicou o titular de Cultura− para reorganizar datas, adaptarse á nova realidade e reprogramar unhas citas co Libro que estean á altura do sector editorial galego e, ao tempo, sexan seguras para todos”, que fixo fincapé na oportunidade de devolverlle ao sector do Libro “a súa xenerosidade durante o confinamento, mercando e lendo libros”.

A PRIMEIRA DE NOVE

Terán presenza cun espazo propio as librarías Pedreira, Cortizas, Numax, Ler Librerías e A gata tola, así como Alvarellos Editorial, a primeira do calendario das Feiras do Libro de Galicia 2019, que tamén recalarán até o vindeiro mes de outubro en vilas e cidades como Vigo, Ponteareas, Redondela, Rianxo, A Coruña, Foz, Monforte de Lemos e Ourense. As feiras do libro son unha das liñas de actuación permanente desenvolvida pola Xunta en colaboración coa antedita Federación.

No acto inaugural participaron, ademais do conselleiro, o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo; a presidenta da Federación de Libreiros de Galicia, Pilar Rodríguez Álvarez; o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto Rodríguez, e a pregoeira da cita, a xornalista e escritora María Solar.